O Campus de Ourense busca proxectos innovadores para o turismo
Medio cento de persoas de España e Portugal participan nun laboratorio de ideas
O gañador foi un proxecto que combina xogo e turismo
Para coñecer a historia da catedral de Tui ou da fortaleza veciña de Valença podemos navegar en guías e publicacións diversas ou xogar un pouco.
"Sacar o concepto de 'scape room' dunha sala ao aire libre. Un dos retos é unha imaxe na que hai que buscar elementos culturais, sumalos e restalos", explica Erea, unha das participantes do equipo gañador.
O proxecto Rutas Máxicas, desenvolvido por tres mozos da Guarda, foi o gañador do laboratorio de ideas para o turismo do campus de Ourense. En 24 horas deseñaron ata a páxina web.
"Normalmente unha web necesita un ou dous meses, hainas que levan un ano, pero a parte funcional para un día de traballo conseguimos facela", sinala Eduardo, outro dos participantes.
Medio cento de participantes
Competían con outros 50 participantes. Catro equipos chegaron á fase final: unha xornada maratoniana na que o obxectivo era expoñer un proxecto viable e rendible.
"É moi intenso, porque pasas un montón de horas traballando pero pásalo ben e fas un proxecto que pode ser viable no futuro", asegura Cinta Longa, creativa do grupo gañador.
Outras propostas centráronse no potencial turístico do viño e das máscaras, e tamén abordaron a recuperación das zonas afectadas polos incendios.
"O reto que se puxo foi como aumentar o turismo de calidade no territorio galego e norte de Portugal, porque está financiado con fondos do Interreg", explica Juan Rivas, coordinador do Laboratorio de Ideas e Innovación.
Concello e Deputación colaboran neste proxecto que pode servirlles tamén como fonte de inspiración.