O Burela queda a beira da final logo dunha remontada e un final épico
O equipo de Julio Delgado igualou un 0-4 do Futsi no segundo tempo
Foron necesarios 18 lanzamentos de penalti
Cilene e Pedreira erraron os disparos para gañar e o fallo de Cris Lourés foi definitivo
Espectáculo supremo o que protagonizaron en Vista Alegre o Burela e mailo Futsi. A vitoia foi madrileña pero queda o recoñecemento a un Burela épico, que vendeu o máis caro posible a derrota. E iso que non puido contar durante o partido coa mellor xogadora do mundo Emilly Marcondes.
Terdou 4 minutos en coller vantaxe o Futsi. Foi logo dunha falta prácticamente nos seis metros. Ari, cun lanamento axustado, marcou o primeiro. Primeiro golpe das madrileñas.
O 0-2 foi noutra acción de mala sorte. O centro de Irene Córdoba atopa unha traxectoria inagardada logo de impactar en Cilene. Nada pode facer Caridad.
Contra o descanso , outra máis do Futsi. Conducción e disparo contundente de Laura Córdoba para poñer moi costa arriba a eliminatoria para as galegas.
Tras o intermedio, as irmáns Córdoba volveron facer das súas. Pae de Irene e definición de Laura. 0-4, 15 minutos para o final. Contundente, pero o que pensase que o partido estaba xa decidido equivocábase radicalmente.
Porque daquela desatouse a furia laranxa. Foi importante o primeiro, só uns segundos despois do último tanto madrileño. Marcou Patri Ortega, que instantes despois enviou o balón ao poste. O segundo levou a sinatura de Dinha, reciollendo un rexeitamento de Marta Balbuena.
A catro minutos do final fixo o terceiro cun disparo espectacular, que deixou o empate a tiro. Logrouno Patricia Ortega noutra moi boa acción de superioridade numérica.
A prórroga non foi definitiva e todo quedou para os penaltis, unha serie que resultou dramática. 18 lanzamentos foron precisos. Incluso, Cilene e Carolina Pedreira tiveron nos seus pés dous disparos para gañar. A tensión era máxima. Incluso Cami Gadeia tivo que ser asistida. Ao final, foi Cris Lourés a que errou o penalti defintivo. A ledicia esta vez foi para o Futsi. As bágoas foron galegas.
Enorme a decepción polo desenlace dos acontecementos. Eso si, a imaxe de competitividade total foi o reflexo da historia recente do Burela, que a partir do día de hoxe pode vivir un antes e un despois.