As lendas do Burela poñen fin a unha época dourada
Cilene confirma que deixa a entidade, ao igual que fixeron nos últimos días xogadoras como Dany, Antía, Cami Gadeia ou Irene Samper
Remata un ciclo no Burela Fútbol Sala. Os problemas económicos derivados do abandono do seu principal patrocinador no mes de novembro golpearon dun xeito moi forte a entidade. A campaña 24-25 foi un pesadelo para moitas traballadoras e traballadores, que viron como os salarios pactados non podían cumprirse.
Despois de ter a sombra da desaparición sobre a súa cabeza, unha xunta directiva quixo coller a remuda e ir pagando a débeda. Pero a reconstrución implica que moitas xogadoras busquen a vida lonxe da Mariña e que as novas fichaxes chegarán con outro prezo e outras expectativas.
A última en anunciar a marcha é Cilene. Unha década ao servizo do Burela, tempo en que gañou catro Ligas, seis Copas, cinco Supercopas, unha Champions e unha Recopa. Canda ela vaise a capitá Dany Domingos ou a tamén brasileira Cami Gadeia. Tampouco seguirán as internacionais Irene Samper ou Antía Pérez. A columna vertebral dun Burela que despide con tristura as súas lendas.