O Breogán reencóntrase coa vitoria superando claramente o Unicaja no Pazo (98-82)
Unha espectacular saída da segunda parte dos lugueses rachou o partido ao seu favor cunha vantaxe de 20 puntos
O Unicaja reaccionou cun 0-10 e mantívose con vida ata o último cuarto, pero os galegos sentenciaron ao final
O Breogán reencontrouse co triunfo logo de dúas derrotas, e fíxoo diante dun rival duro como o Unicaja, cun grande acerto na anotación e unha exhibición defensiva no treito final.
O partido comezou con igualdade ata a irrupción de Tillie. O xogador de Unicaja entrou á pista e meteu catro lanzamentos sen erro en pouco máis de catro minutos para anotar dez puntos e darlle a vantaxe aos andaluces. Unha última tripla de Aranitovic levaba o encontro ao intervalo cun 22-25.
O segundo cuarto comezou co Breogán mantendo o ritmo anotador, e cun parcial de 11-2 culminado cunha canastra de Apic tras a que o Unicaja paraba o partido (30-27).
O tempo morto non mudou a decoración, e o Breogán seguía anotando (39-32). O Unicaja aproveitaba un maior acerto nas triplas para irse achegando, mentres os lugueses atinaban máis no rebote ofensivo e os tiros de 2 (12-15 neste treito), e así o partido chegou ao descanso cun +7 para os lugueses, que forzaban o ataque de Perry no último ataque (50-43).
Pero o mellor estaba por chegar, e unha saída fulgurante liderada por Kurucs, con 8 puntos e 5 de Andric para un parcial de 16-3 elevaba a renda a +17 (63-46). O terceiro cuarto estaba a ser unha malleira do Breogán, que seguía anotando e defendendo moi forte, para ampliar a renda ata os 20 puntos (70-50).
Pero o Unicaja reaccionou a con triplas de Duarte e Alberto Díaz para asinar un 0-10 que o volvía meter na contenda (70-60). Uns tiros libres de Francis Alonso e outra boa defensa levaron o encontro ao último período cunha cómoda renda, pero non definitiva.
Unha tripla de Francis Alonso inaugurou o cuarto cuarto, pero axiña respondía Barreiro, e un palmeo do galego baixaba a renda dos 10 por primeira vez en moitos minutos. Era Andric o que devolvía a tranquilidade con dúas triplas, pero o partido movíase arredor deses dez puntos ata que Mavra anotaba tamén de 3 (85-69). E a volta de pausa, un 2+1 de Francis Alonso que non convertía o adicional, pero recuperaba o Breogán para a canastra de Brankovic deixaba moi preto a vitoria.
Nos últimos minutos o Breogán conseguiu recuperar a vantaxe de 20 puntos, e mesmo superala, para acabar sumando unha vitoria que o deixa con 6, comandado por Andric con 22 puntos. Brankovic anotou 16, Francis Alonso meteu 14, e Kurucs achegou 12.