O Breogán ficha ao ala-pivote danés Bakary Dibba, semifinalista da Bundesliga
Nesta última campaña, Dibba mediou 27 minutos en pista na tempada regular cunha media de 9,9 puntos, 4,1 rebotes e 1,1 asistencias por encontro

O Río Breogán anunciou este luns a fichaxe do ala-pivote internacional danés Bakary Dibba, quen chega ao equipo dirixido por Luis Casimiro procedente do MLP Academics Heidelberg, co que disputou as semifinais da Bundesliga alemá.
“Bakary Dibba é un xogador de gran proxección, rápido, cun físico privilexiado que lle permite defender con solvencia xogadores interiores e exteriores, e con boa capacidade de rebote e anotación. É un ala-pivote atlético que tamén pode ocupar a posición de tres”, destaca o Breogán da súa nova incorporación.
Formado no seu país natal, nas filas do DBA Copenhagen e Copenhagen Basketball, Dibba xogou as últimas tempadas no baloncesto alemán, onde defendeu as camisetas de Tigers Tübingen (2021–2023), PS Karlsruhe Lions (2023-24) e esta última tempada no MLP Academics Heidelberg.
Nesta última campaña, Dibba mediou 27 minutos en pista na tempada regular cunha media de 9.9 puntos, 4.1 rebotes e 1.1 asistencias por encontro. Nos 8 partidos de playoffs polo título, onde o seu equipo perdeu en semifinais ante o Bayern, mediou 9,6 puntos, 5,3 rebotes e 1,4 asistencias.