O Breogán derrota ao Real Madrid na súa pista 23 anos despois (97-101)
Os lugueses fuxiron no marcador no terceiro cuarto, pero tiveron que sufrir para pechar a décimo terceira vitoria
O Río Breogán asaltou a casa do Real Madrid 23 anos despois. Unha vitoria merecida ante un rival no que xogaron os mellores. Coa clasificación para a Final Four da Euroliga acadada, Scariolo non reservou a ninguén e os lugueses cimentaron a vitoria no carácter competitivo e no acerto ofensivo.
Aguantaron a primeira metade (46-43 no descanso) e abriron oco no terceiro cuarto, cun parcial de 21-28 liderados por Mavra, 8 puntos neses dez minutos. Puxéronse por diante por vez primeira no partido mediado ese período, colleron o mando no marcador cara o final e xa non o soltaron.
Chegaron a ter doce puntos de vantaxe pero os brancos non baixaron os braxos e a segundos do final tiñan un 2+1 para empatar o partido. Casimiro pediu o challengue, anulouse a canastra e converteuse en dous tiros. Lyles fallou o segundo, o rebote foi para o Breogán e con el, a vitoria, a décimo terceira da temporada.
Aranitovic liderou a anotación con 18 puntos, Mavra 16, todos tras o descanso. E para completar a festa, Russell volveu xogar un mes despois.