O BOE publica a declaración dos entroidos do oriente ourensán como Festa de Interese Turístico Nacional
O BOE publica a declaración dos entroidos do oriente ourensán como Festa de Interese Turístico Nacional
O Ministerio de Industria e Turismo confirmou este título o pasado mes de xullo, en recoñecemento ao carácter ancestral e os valores culturais, ademais do grande atractivo turístico destas celebracións

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves a resolución da Secretaría de Estado de Turismo pola que se declaran os entroidos do oriente ourensán (Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo) como Festa de Interese Turístico Nacional.
O Ministerio de Industria e Turismo confirmou este título o pasado mes de xullo, en recoñecemento ao carácter ancestral e os valores culturais, ademais do grande atractivo turístico destas celebracións. Estes tres municipios agrupáronse e presentaron unha candidatura conxunta, polas características comúns e entrelazadas dos seus entroidos.
Os Entroidos do Oriente Ourensán son entroidos tradicionais que se celebran nestas localidades limítrofes entre si, e os veciños de cada municipio, agrupados en folións, únense ás celebracións dos folións dos outros municipios. A modo de embaixadas entre aldeas, concertábanse e séguense concertando visitas e intercambios con folións doutros lugares.
Un dos trazos característicos máis importantes e coñecidos destas festas son as máscaras e personaxes identificativos que cada un destes Entroidos teñen en común. En Manzaneda, a tradicional mázcara, e a figura do boteiro en Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
Trátase dunha festividade pagá de carácter ancestral asociada ao cambio de estación, con referencias romanas, celtas ou gregas, cun grande atractivo turístico, que conta con distintas iniciativas para garantir a súa promoción, difusión e permanencia no tempo, por exemplo, o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask, que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, un evento cultural no que se congregan as máis espectaculares máscaras de Entroido tanto de Galicia como doutros lugares de España e doutros países como Portugal.