O bocadillo reinvéntase: de refrixerio humilde a bocado gourmet
Lonxe de pasar de moda, os bocatas gañan adeptos por comodidade, rapidez e prezo
O mundo dos bocadillos ten moita miga por explorar, porque o seu tirón está máis vivo ca nunca
Entre dous pans, o horizonte de posibilidades é infinito. E todos temos un favorito.
"O meu é o de xamón".
"Prefiro luras con alioli".
"Touciño entrefebrado con queixo, ou de milanesa completo", din algúns viandantes.
Son tan antigos como o propio pan. Pero, lonxe de pasar de moda, os bocatas gañan adeptos por comodidade, rapidez e prezo.
"Si, aquí vendemos moitísimo, para o estudantado e moi socorrido pero tamén para a xente que traballa e non ten moito tempo", comenta Isabel Viaño, panadeira do Forno de Compostela.
Pepito, tortilla, luras. Nunha emblemática bocatería compostelá levan 30 anos apostando polos clásicos e certificando que poucas cousas nos gustan máis ca comer coas mans.
"Saen máis ca os pratos, nós temos menú ao mediodía e teñen máis saída os bocadillos, sempre tiveron moito tirón para os que non teñen moito tempo", di Óscar Blanco, da bocatería Raíces Galegas.
Pero os tempos cambian e os bocatas tamén, e, igual que sucedeu coas súas primas as hamburguesas, a innovación chegou para quedar. Hai quen reinventa a tradición e fai do de roxóns toda unha tendencia que mesmo destaca a guía de Soletes Repsol.
"A nosa proposta foi recuperar un produto moi tradicional como poden ser os rixóns e os chourizos e traelos os novos tempos. Facemos un bocadillo tipo pulled pork, carne mechada, moderno, coidado, saboroso e con produto de proximidade", explica Graciela Castro, responsable de Chichalovers.
E xa que nos poñemos exquisitos, hai quen aposta por escalar cos bocadillos ata o podio do gourmet. Corroscos de pan entre os que atopamos pescada crocante ou albóndegas de rubia galega.
"É como se comeses do prato. Nós non cortamos e metemos no pan, nós cociñamos e o servimos dentro do pan. Son bocatas innovadores, cheos de chispa e alegría. A xente, sen renunciar ao que comeu sempre, vexa que se poder facer algo diferente" expón Sol Vaamande, da bocatería Gourmet Corrosco.
Diferentes ou clásicos, para tomar ou levar, fríos ou quentes, sen glute ou vexetarianos. O mundo dos bocadillos ten moita miga por explorar, porque o seu tirón está máis vivo ca nunca.