O BNG destaca o avance da formación nacionalista na maioría das cidades
O BNG cualifica de históricos os resultados do BNG en Santiago, que lle permiten a Goretti Sanmartín acceder á alcaldía da capital de Galicia
A directora de camapña do BNG, Carme da Silva, valora o avance do BNG na maioría das cidades e asume que en Pontevedra a formación nacionalista deberá analizar as causas da perda de apoio electoral a Miguel Anxo Fernández Lores, que conserva a alcaldía
A directora de campaña do BNG, Carme da Silva, detecta un avance do BNG na maioría das cidades que, segundo ela, apunta a un cambio de ciclo.
"Na maioría das cidades vese un avance do BNG moi importante. Que vaiamos gobernar en dúas cidades, Pontevedra e Compostela, é un feito histórico. Sobre todo, conseguir que a capital de Galicia vaia ter unha alcaldesa nacionalista. Iso é un resultado electoral extraordinario".
Carme da Silva confía en que a candidata nacionalista, Goretti Sanmartín, sexa a nova alcaldesa de Santiago, despois de que o BNG conseguise triplicar a representación no concello compostelán.
Asegura que a ilusión que se detectou durante a campaña do BNG en Santiago confirmouse onte anas urnas.
"O resultado en Compostela abre un ciclo no que o BNG e Goretti Sanmartín liderarían ese goberno municipal. É un resultado histórico. coa posibilidade de que Goretti Sanmartín sexa a primeira muller alcaldesa da cidade de Compostela".
A directora de campaña do BNG asume que, aínda conservando a alcaldía, o equipo de Miguel Anxo Fernández Lores de Pontevedra debe analizar as causas da perda de dous concelleiros.
"O voto decidiu que sexa o BNG quen siga á fronte do Goberno en Pontevedra, pero como di Miguel Anxo Fernández Lores, hai que mellorar as cousas".
En Ourense, o BNG felicítase por duplicar os resultados das anteriores eleccións. Carme da Silva cre que as outras forzas políticas son as responsables da situación do concello, especialmente o Partido Popular.
"No pasado mandato nós xa puxemos enriba da mesa todas as posibilidades para que houbese un cambio na alcaldía de Ourense e foron outras forzas políticas as que decidiron que non. A pregunta é: deixará o PP que goberne Jácome en Ourense? Xa o fixo antes...".