O Bera Bera sentencia na Guarda no treito final (20-27)
O Bera Bera sentencia na Guarda no treito final (20-27)
O Mecalia aguantou ante o líder ata mediado o segundo tempo (18-19)
A poderosa rotación e a calidade do Bera Bera puideron máis que as ganas dun Mecalia Guardés castigado no aspecto físico despois de xogar o sábado pasado un partido de máxima intensidade na semifinal da EHF European Cup.
Dabondo loitaron as da Sangriña, que no primeiro tempo se mantiveron con moita coraxe no partido. O Bera Bera chegou a ter unha máxima diferenza de catro goles (6-10), á que respondeu o Mecalia cun 3-0 de parcial. Malia todo ao descanso dominaban as vascas por 10-13.
O partido parecía romper na segunda parte (10-15), pero outra vez o carácter do equipo local permitiulle igualar o encontro cun gol de Carratú (18-19). Bera Bera pediu un tempo morto, ordenou as ideas e sentenciou o partido cun contundente 1-8 de parcial. Ao final, 20-27, e o Mecalia xa ten que pensar na cita histórica do vindeiro sábado ante o Elx.