O BCE modera a suba de tipos de xuro a 25 puntos básicos, ata quedar no 3,75 %
O BCE modera a suba de tipos de xuro a 25 puntos básicos, ata quedar no 3,75 %
É a sétima suba consecutiva aínda que o incremento é menor
A decisión chega un día despois de que os Estados Unidos subisen na mesma porcentaxe os seus tipos de xuros

O Banco Central Europeo decidiu este xoves aumentar os seus tipos de xuros un cuarto de punto porcentual, ata o 3,75 %. Esta é a sétima suba consecutiva do prezo dos cartos, que se sitúa no seu nivel máis alto desde outubro de 2008.
O BCE segue adiante co endurecemento da política monetaria aínda que, por vez primeira desde que comezou o actual ciclo de subas, en xullo de 2022, reduciu a intensidade da alza dos tipos. A taxa de inflación interanual da eurozona situouse en abril no 7 %, o que implica unha repunta dunha décima fronte ao dato de marzo, mentres que a taxa subxacente, que exclúe o efecto de enerxía e alimentos, moderouse por primeira vez en dez meses ao situarse no 5,6 %, unha décima menos que o mes anterior. Así mesmo, segundo Eurostat, o produto interior bruto da zona euro creceu un 0,1 % no primeiro trimestre de 2023 mentres que a taxa de paro da eurozona situouse en marzo no 6,5 %, unha décima menos que o mes anterior e o seu nivel máis baixo de toda a serie histórica.
Tamén informou o BCE de que incrementa en 25 puntos básicos a facilidade de crédito, a que presta aos bancos a un día, ata o 4 %, e a facilidade de depósito, a que remunera aos bancos o exceso de reservas a un día, ata o 3,25 %.
Doutra banda, a enquisa de préstamos bancarios do BCE revelaba esta semana que os bancos da zona euro endureceron de maneira substancial as súas condicións de préstamo no primeiro trimestre, mesmo máis aló das expectativas das propias entidades, como consecuencia dunha maior percepción de risco nun contexto marcado polas subidas dos tipos de xuros e as turbulencias financeiras.
A decisión do BCE prodúcese apenas un día despois de que a Reserva Federal de Estados Unidos decidise subir o tipo de xuros en 25 puntos básicos, ata deixalos entre o 5 % e o 5,25 %, deixando ademais aberta a posibilidade dunha pausa na senda alcista da política monetaria estadounidense tras as dez subas consecutivas acometidas que sitúan o prezo dos cartos nos EUA en máximos de 16 anos.