Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BCE en modo “esperar e ver” mentres as mulleres non queren esperar máis neste 8M, por María Loureiro

OPINIÓN

O BCE en modo “esperar e ver” mentres as mulleres non queren esperar máis neste 8M, por María Loureiro

G24.gal 08/03/2024 08:36

O Banco Central Europeo está nun modo que podemos chamar “esperar e ver”, ver que pasa na economía. Na súa última xuntanza de onte, o Banco Central Europeo (BCE) mantivo os tipos de xuro sen cambios, deixándoos nun 4,5 %. Estes valores representan os máximos desde 2001.Estes niveis altos de tipos seguen presentes non so na UE, senón tamén en países coma o Reino Unido (5,25 %) ou os Estados Unidos (5,50 %).

Aínda que se especulaba sobre un posible recorte en abril, as previsións agora apuntan a que o primeiro recorte dos tipos de interese podería chegar na xuntanza do 3 de xuño. O BCE está a ser cauteloso e observando a tendencia da inflación antes de tomar decisións, especialmente nun contexto de tensións xeopolíticas globais e de incerteza económica.

Mentres tanto, espera que a inflación na zona euro en 2024 sexa menor que no 2023. As diferentes institucións económicas ofrecen diferentes previsións, pero todas coinciden nunha tendencia á baixa: o Banco Central Europeo prevé unha inflación do 2,3 % en media; a Comisión Europea, dun 3 %, e o Fondo Monetario Internacional (FMI) 2,6 %. As principais razóns para esta esperada redución da inflación neste ano están relacionadas coa diminución dos prezos da enerxía e a mellora das cadeas de subministración.

Os actuais tipos altos deberían contribuír tamén a reducir aínda máis a inflación, pero tamén se espera que afecten de xeito negativo o investimento empresarial, o cal pode afectar o crecemento das economías da eurozona. Tal é así que a taxa de crecemento para a Eurozona foi reducida onte polo BCE do 0,8 % ao 0,6 %, é dicir, a curto prazo teremos unha economía basicamente estancada. E aínda así, existen algúns riscos que poderían facer que a inflación sexa máis alta do previsto. Temos por unha banda a prolongación da guerra en Ucraína, ademais da súa recrúa, ao tempo ca o perigo da escalada do conflito de Oriente Medio. En xeral, espérase que a inflación na zona euro se manteña por encima do obxectivo do BCE do 2 % en 2024, pero debería ir diminuíndo gradualmente ao longo do ano, o que fai que o BCE sexa prudente en canto á redución de tipos.

Hoxe, celébrase o día Internacional da Muller, o 8M, con reivindicacións ben coñecidas polo colectivo feminino. Entre elas destaca a necesidade de achegarnos a un contexto de igualdade salarial, pois as mulleres en Europa gañan un 14 % menos ca os homes, e esta porcentaxe sube no caso español ao 16 %. Isto xera non so peores condicións de vida durante o período laboral, senón tamén pensións inferiores, e como consecuencia máis pobreza feminina en xeral, e en especial na poboación maior de 65 anos. Outras reivindicacións relaciónanse coa necesidade de mellorar a conciliación familiar, pois a muller segue sendo a coidadora por excelencia no fogar.

Tamén se solicita un cesamento da violencia de xénero, xa que no 2023 houbo 56 mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas. E, finalmente, tamén se reivindica a necesidade de crear currículos máis adaptados tanto para homes como para mulleres. Na actualidade, estase a ver unha fenda de educación tecnolóxica das mulleres, pois en España so un 26 % rematan estudos en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (o que se coñece como carreiras STEM), e que traballen no sector das Tecnoloxías da Información non chega nin á metade. Isto é preocupante, especialmente se os postos máis pagados están en ámbitos tecnolóxicos, e moi especialmente no eido da intelixencia artificial. En fin, estas son algunhas das reivindicacións deste día, así que, a seguir reivindicando…

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade