Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BBVA pídelle á CNMV o seu visto e prace para lanzar a OPA sobre o Sabadell

O BBVA pídelle á CNMV o seu visto e prace para lanzar a OPA sobre o Sabadell

Con esta manobra aspira a tomar o control da entidade para a súa posterior fusión

A proposta para os accionistas do Sabadell é un troco de títulos a razón dun do BBVA por cada 4,83 do banco catalán 

G24.gal 24/05/2024 18:30 Última actualización 24/05/2024 19:41

O BBVA pediu este venres ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a súa autorización para lanzar a oferta pública de adquisición de accións do Banco Sabadell, coa que aspira a tomar o control da entidade para a súa posterior fusión. 

Segundo informou a peche de mercado, o grupo presidido por Carlos Torres presentou a solicitude coa que espera ter o visto e prace do supervisor bolsista á operación anunciada hai dúas semanas. A proposta para os accionistas do Sabadell é un troco de títulos a razón dun do BBVA por cada 4,83 do banco catalán.

Na súa comunicación á CNMV, o BBVA lembra que o seu consello de administración tomou a decisión de lanzar unha opa sobre o Sabadell o pasado 8 de maio e deu conta diso publicamente ao día seguinte, cando explicou que a proposta se facía para que os accionistas do banco catalán puidesen elixir.

Esa mesma semana, o máximo órgano de xestión do Sabadell rexeitara unha oferta de compra lanzada polo BBVA nas mesmas condicións co argumento de que vían máis percorrido ao banco en solitario que integrado no grupo BBVA.

Tras ese segundo intento errado de fusión, despois dun primeiro a finais de 2020, o BBVA optou por presentar a opa cunha ecuación de troco para os accionistas do Sabadell que equivalía a un 50% do prezo de cotización de mediados de abril e próximo ao 30 % da véspera de saber o interese do BBVA polo Sabadell.

Despois de anunciar o pasado 9 de maio a opa, o BBVA tiña un prazo de ata 30 días para solicitar a autorización á CNMV, aínda que o presidente do banco, Carlos Torres.

A partir de agora a CNMV terá que decidir se admite a trámite a autorización e logo estudará as condicións da opa antes da súa aprobación, que require tamén o visto e prace do Banco Central Europeo (BCE), co que seguirá avanzando o calendario da operación. O supervisor bolsista xa advertiu de que podería tardar máis de dous meses en revisar a información.

Cando a operación conte co beneplácito dos supervisores, o BBVA poderá lanzar a opa e terá que dar aos accionistas do Sabadell un prazo de entre 15 e 70 días para acudir a ela. Se a oferta prospera e o BBVA consegue que máis da metade dos accionistas do Sabadell estean dispostos a vender, o banco podería avanzar coa súa idea final da fusión de ambas as entidades, o que estará suxeito ás condicións que poña a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e á aprobación do Ministerio de Economía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade