Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Baxi Ferrol gaña o derbi da Malata superando ao Ensino na continuación (71-67)

O Baxi Ferrol gaña o derbi da Malata superando ao Ensino na continuación (71-67)

O Ensino, que malia á derrota estará na Copa, marchou por diante ao descanso (36-45)

As ferrolás melloraron na segunda metade para asegurar a sexta vitoria da Liga

G24.gal 28/12/2025 14:59

O Baxi Ferrol impúxose no derbi da Malata diante dun Ensino que foi mellor no segundo cuarto, pero cedeu nos outros tres para quedar con 8 triunfos, dous máis cas súas rivais. 

O partido comezou igualado, pero o Baxi deu o primeiro golpe na mesa no treito final do primeiro cuarto, cando colocou un parcial de 8-0 que obrigou a parar o partido. Unha tímida reacción do Ensino levou o encontro á pausa con 23-19.

No segundo cuarto mantívose a igualdade, co Baxi sempre por diante ata o 33-34 de Garfella, con cinco minutos por diante, que forzaba o tempo morto local. E outro par de canastras da propia Garfella e Haidara levaban a vantaxe a cinco puntos.

O Baxi volvía deter o encontro, pero víase incapaz de anotar, e o Ensino ampliaba a renda ata os 10 puntos cun parcial de 0-14. Ao descanso chegouse cun 36-45 a prol do Ensino, con Tate e Alicia Florez comandando a anotación con cadanseus 9 puntos.

Na segunda metade, o Baxi entrou moito mellor, cun parcial de 9-2 que reducía a desvantaxe á mínima expresión (45-47), logo de tres minutos e medio. O Baxi culminou a remonta, e presentouse no treito decisivo por diante, co Ensino limitado a 5 puntos desde o descanso. Un intercambio de anotacións levou o encontro ao último cuarto cun empate a 54 que deixaba todo no aire.

Volveu entrar mellor o Baxi, con canastras de Sotolova e Elena Rodríguez para tomar vantaxe. E unha tripla de Blanca Millán establecía unha renda de 4 puntos a falta de tres e medio, que mantiña despois Joiner con dous tiros libres. O Ensino non era quen de anotar e Joiner desnivelaba o encontro cun 68-62 cun minuto por diante. Pero chegou Tate para sacar unha falta de tres tiros e botar a Joiner, a máis destacada con 17 puntos. Meteu os tres lanzamentos Tate para sumar 19 puntos, pero respondeu axiña Erjavec e Blanca Millán pechou o choque cun tiro libre. 71 a 67, o Baxi pecha a serie de dúas derrotas, e acaba coa de dúas vitorias do Ensino que, malia á derrota, estará na Copa da Raíña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar