O Arousa non frea a costa abaixo e perde co Palencia
Un erro de Álex Cobo propiciou o primeiro tanto
Cinco xornadas sen gañar do Arousa, que seguirá en postos de descenso
O Arousa perdeu por 0-3 diante do Palencia. Un duro pau para o equipo de Xurxo Otero que agardaba poñer fin a unha mala serie de catro partidos sen gañar e coa derrota continuará en postos de descenso.
Era un deses partidos que valía máis de tres puntos. Podía botarlle man ao seu rival, e mesmo superalo porque tamén estaba en xogo a diferenza de goles particular. Todo se torceu no primeiro tempo cando ao porteiro Álex Cobo se lle escapou un control e cometeu un claro penalti transformado por Álvaro Gómez (minuto 10).
Na segunda metade o Palencia sentenciou con dous golazos. O 0-2 do defensa Sellés é un deses que un xogador non se imaxina nin nos seus mellores soños. Un lanzamento de 35 metros que entrou pola escadra. No 76 sentenciou Adri Pérez, que tamén incrustou na escadra un centro chut desde a dereita.
O Arousa queda nunha situación comprometida e precisa recuperar as boas sensacións e os resultados para saír canto antes da zona vermella.