Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Compostela volve á Segunda Federación un ano despois

O Compostela volve á Segunda Federación un ano despois

Os santiagueses defenderon o 3-0 da ida, nun partido que se complicou nos minutos finais co 2-0

O Compostela aguantou, e recupera a categoría que perdeu hai un ano

G24.gal 21/06/2026 14:38

O Compostela defendeu en Badalona a renda de 3-0 que acadara hai unha semana no Vero Boquete, e gañou a final polo ascenso á Segunda Federación, nun encontro de volta no que os locais chegaron a estar a un so gol dunha nova remonta, pero no que os de Secho foron quen de defender ese terceiro tanto no tempo engadido para consumar a volta á Segunda Federación.

O partido comezou con Josu incomodando á defensa santiaguesa pola banda esquerda. Das súas botas saíu un centro que cabeceou Junior no minuto 5, pero respondeu Álex Cobo cunha gran parada para negar o primeiro. Pola dereita tamén atacaban os cataláns, e un pase da morte de Diawara no 12 non atopou rematador.

As seguintes accións levaron a signatura de Larrosa, nun disparo lonxano que rexeitou Álex Cobo, outro desde dentro da área que saíu a córner, e un terceiro desde a esquerda que marchou alto.

No treito final da primeira metade o Badalona tivo un par de ocasións máis, nas botas de Diawara e de Joaco, que rematou cruzado xa no tempo engadido. O Compostela aguantaba as acometidas agardando por unha contra, e gozou dalgunha, pero sen acerto nos metros finais.

A segunda metade comezou do mesmo xeito, co Badalona apertando á busca do gol, con Álex Cobo moi atinado para desbaratar as súas ocasións, e cos primeiros remates dos santiagueses, en dúas ocasións en que Guisande disparou fóra.

Pasaban os minutos e o Compostela achegábase ao obxectivo, pero o Badalona non deixaba de intentalo. Larrosa volveu ter unha clara ocasión, pero o seu remate saíu lambendo o pau. E, no minuto 69, os locais abrían a lata. Foi á saída dun córner, coa entrada de Bermu no segundo pau, que cabeceou á rede. Faltaban pouco máis de vinte minutos, e complicábase o partido, pero aos santiagueses aínda lles quedaban dous goles máis de renda logo do 3-0 da ida.

Paraba o partido para a hidratación e, á volta, Álex Cobo apareceu outra vez para salvar o 2-0 do Badalona. No treito final rachou o partido, e puido sentenciar o Compostela nun erro de Víctor López, que se refixo para rexeitar o remate de Maceira.

Pero o que chegou, xa no último minuto, foi o segundo do Badalona. Foi tamén a balón parado, nunha falta que Maceira enviou á rede no seu intento de despexe.

Quedaban seis minutos de tempo engadido e tocou sufrir. Pero o terceiro tanto que precisaba o Badalona non chegou. O Compostela facía valer o 3-0 da ida no Vero Boquete e, con moito sufrimento, os santiagueses volvían á Segunda Federación, a categoría que perderan hai so un ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade