O Deportivo abrirá unha mesa de diálogo con representantes de Marathón e Peñas
José Manuel García, director de Medios: "Temos un rapaz de Vilalba, de Teo, de Cerceda… debutando en Primeira e que non o están desfrutando como deberían, entre todos non nolos podemos permitir"
José Manuel García, director de Medios: "A afección é un piar fundamental, non o único, pero si fundamental"
Foto Europa Press
O Deportivo convocou unha conferencia de prensa en que estiveron presentes José Manuel García, director de Medios; Santiago Liste, responsable do Departamento Xurídico, e Jesús Blanco, director de Seguridade.
Nela analizaron en profundidade a situación que se vive actualmente en Marathón Inferior facendo autocrítica na súa comparecencia. En primeiro lugar, José Manuel García fixo autocrítica.
"Temos unha situación social que nos preocupa e ocupa, son cousas que non somos alleos a elas e queremos tomar as rendas disto de forma responsable para atopar unha potencial solución. A afección é un piar fundamental, non o único, pero si fundamental. Os piares son; o social, o proxecto de infraestruturas, a parte financeira, corporativa e a deportiva, a máis visible. Todos estes piares só funcionan se son unha engrenaxe, sen un piar pode virar igual, pero vai ser máis complicado. Queremos que todos os piares encaixen como unha engrenaxe".
Engadiu que "é un proxecto moi ilusionante, porque calquera equipo pagaría por estar onde estamos, co impulso e bo facer que estamos a facer. Dentro hai xente que non deixa de traballar e non deixan de ser deportivistas. Queremos un ben común, todos sabemos onde estaba o Dépor hai catro anos e agora, dentro de catro vai ser mellor e máis ilusionante. Temos que traballar todos en conxunto. Levándoo á parte sentimental, que ás veces é máis irracional que racional, hai unha parte que entristece. Temos a un rapaz de Vilalba, de Teo, de Cerceda… debutando en Primeira e que non o están desfrutando como deberían, entre todos non nolo podemos permitir, temos que traballar para que pase".
Ademais, relatou que lle gustaría volver ao momento no que se lanzaron as medidas de Marathón Inferior.
"O club está obrigado a garantir un cumprimento normativo -obrigados a facer todo o posible para que se cumpra a lei e pelexar contra a violencia, racismo, xenofobia…- e a de protexer, a institución -non podemos permitir sancións económicas insostibles- e á nosa afección de potenciais sancións, como peches de bancadas ou do estadio. Imos facer o posible para protexelos. Este era o único obxectivo das medidas que tomamos desde o club. Está claro que non se comentaron todo o ben que nos gustaría, porque non se entenderon. O obxectivo do club era unicamente leste, protexer os afeccionados, á institución e garantir un cumprimento normativo. Facemos autocrítica, vai axudar a mellorar. É algo que asumimos e traballamos en mellorar. Temos unha dinámica de mellora continua, aprender".
Nese momento foi cando anunciou o inicio das conversacións tanto coa bancada de Marathon Inferior como coas peñas.
"Imos conformar unha mesa de diálogo en que participarán representantes de Marathón, das Peñas e no club, dialogar e levantarnos cando nos sintamos máis cómodos, cumprindo os obxectivos mencionados antes".
En canto á data, explicou que "acabaremos esta sesión e falaremos cos interlocutores. Intentaremos pechar unha data para a sesión de diálogo e traballo canto antes".