O Arenteiro perde en Tajonar (3-0) e adía a salvación matemática
Huarte, Espejo e Arroyo marcaron os goles locais
Os de Raúl Jardiel quedan catro puntos por riba do descenso
O Arenteiro terá que seguir pelexando para eludir o descenso. Desperdiciou a súa oportunidade de certificar a salvación en Tajonar, onde nunca tivo opcións diante do Osasuna Promesas, que comezou máis enchufado o partido, e protagonizou as primeiras aproximacións. Nunha delas, Xabi Huarte acadaba o primeiro tanto cun remate desde a frontal. Puido cambiar o guión do encontro pouco despois, cando Enol era derrubado na área, pero o árbitro non sinalou nada.
Contra o minuto 20 chegou a segunda acometida local. Diego García tivo que empregarse a fondo para enviar un remate a córner. Sa saída dende o curruncho, Espejo entraba totalmente so na área pequena para cabecear á rede e marcar o segundo. O Arenteiro rematou dominando esta primeira metade, pero sen atopar o camiño cara á portería de Stamatakis.
A segunda metade comezou con clara ocasión dos galegos, pero Pascu rematou ás nubes un balón solto na área. Non foi quen de marcar o Arenteiro, e si o fixo, á contra, o Osasuna Promesas. Arroyo non perdoaba no minuto 72, establecendo un 3-0 que mantén aos de Raúl Jardiel na pelexa por eludir o descenso nas dúas últimas xornadas. Iso si, teñen catro puntos de marxe e so dúas xornadas por diante, polo que teñen todo na man para asegurar a permanencia un ano máis na terceira categoría do fútbol.