O Arenteiro gaña a Copa Federación
Impúxose por 0-2 no campo do Alzira e culminou unha traxectoria impecable
Rafa Mella e Pibe marcaron os goles na prórroga
O Arenteiro proclamouse campión da Copa Federación. Gañoulle por 0-2 ao Alzira, especialmente motivado para o partido que xogou no seu campo o ano do centenario. Pero o equipo galego demostrou ser un dos mellores conxuntos arestora na Segunda Federación e a razón pola que aínda non perdeu ningún partido nesta temporada, nin na Liga nin na competición copeira.
O partido foi de grande intensidade con constantes alternativas e ocasións para os dous conxuntos. Ningún conseguiu acertar coa porta contraria durante os noventa minutos malia ter oportunidades claras. Un par de lanzamentos ao pau dos locais e unha de Escobar na área pequena para os do Carballiño foron as mellores opcións. No último minuto do engadido o árbitro non se atreveu a asubiar unha clara man dos locais na área.
Os goles chegaron na prórroga. No minuto 100 Rafa Mella marcou cun sensacional remate co exterior do pé que superou o porteiro local nunha vaselina. No 116, co Alzira xogando á desesperada, Pibe culminou unha contra e sentenciou para o equipo do Arenteiro.