O Arenteiro afronta ante o Atlético o partido máis glorioso da súa historia
Faltan poucas horas para que Arenteiro e Atlético de Madrid se midan na eliminatoria de Copa máis agardada. Os madrileños chegaron a iso da unha da tarde ao Balneario de Laias, onde quedaron concentrados ata a hora do partido.
O equipo está preparado para recibir un grande da Liga. Apelan ao mesmo realismo co que se enfrontaron ao Almería. Pero no Carballiño sempre gardan un as baixo a manga.
Este xoves é 22 de decembro, lembren. E por se a sorpresa salta en Espiñedo o seu presidente, Argirmiro Marnotes, déixanos estas palabras: "Acaba de acontecer o que non se contaba. Isto é o Polbo Mecánico e eliminou a outro equipo de Primeira División".
Simeone xa demostrou na primeira eliminatoria a seriedade coa que toma esta edición da Copa. Para o Atlético é a táboa de salvación dunha temporada que comezou dun xeito decepcionante, afastado da pelexa polo título na Liga e eliminado de todas as competicións europeas ás primeiras de cambio. Agárdase que o adestrador arxentino meta un equipo cunha chea de titulares para non ter sorpresas.