Publicador de contidos

Publicador de contidos

O gusto polo 'brunch' medra un 28 % e xorden máis locais centrados neste tipo de almorzo

O gusto polo 'brunch' medra un 28 % e xorden máis locais centrados neste tipo de almorzo

Cada vez hai máis negocios orientados a este formato ou que o inclúen na carta

É unha mestura de almorzo, xantar e merenda que se pode tomar a calquera hora

 

G24.gal 06/10/2025 15:25

A palabra, como o concepto, chegou de fóra. Pero veu para quedar. Xa non estraña escoitar falar do brunch, a mestura en inglés de breakfast (almorzo) e lunch (xantar). Varias enquisas aseguran que é un costume que se está estendendo en España.

Non último ano, di unha destas sondaxes, aumentou un 28 %. Máis xente goza do brunch e máis establecementos o ven como unha oportunidade de negocio. En moitas localidades galegas hai locais coa palabra brunch no nome e moitos outros que a inclúen como unha das opcións do menú.

"Eu tomo moitos", di unha muller alemá que peregrina a Santiago e fixo parada para repoñer forzas en Vigo. "Son de Berlín e alí hai moitos cafés onde podes comer un 'brunch' coma este".

"Nós non almorzamos porque traballamos de noite e entón, cando saímos, non temos ganas de almorzar", explica unha parella que, ás doce do mediodía, está degustando unha tosta francesa con trufa e polo.

"É un día normal para nós. Traballamos a bordo dun barco e temos tempo libre e ímolo gozar", conta outra moza antes de empezar o seu prato.

Porque o brunch pode ser un luxo, un capricho dun día, pero tamén un hábito. Como acontece noutros países, hai quen prefire tomar unha comida contundente a media mañá, ou a media tarde, e logo non xantar ou cear.

O apetito polo brunch pode explicarse, tamén, porque en España cada vez hai máis xente afeita a tomar alimentos fóra dos horarios convencionais. Ou a incluír novas comidas entre eses momentos tradicionais.

"Si, pode ser que sexa máis caro ca tomar un café e unha tosta", comenta Jesús Míguez, o propietario de La Cultural Brunch de Vigo. "Pero, aínda que non ten por que ser así, o que ti comes ás doce do mediodía pode eliminar un pouco a comida que ías facer".

O brunch, ademais, entra pola vista. A maioría dos locais especializados neste servizo elixen unha decoración acolledora e unha presentación dos pratos moi coidada. Algo que, segundo din, buscan tamén os clientes.

"Eu sempre digo que comes polos ollos. Se algo é moi visual, valo gozar máis. O sabor é moi importante, claro, pero o aspecto visual tamén ten que ser moi bo", resume o cociñeiro de La Cultural, o húngaro Szilard Varza.

A iso axudan moito as redes sociais. As fotografías destes pratos corren entre os afeccionados de boca en boca. Ou, mellor dito, de teléfono en teléfono.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade