O apagamento cumpre un mes sen que aínda se saiban as causas
A rede de operadores europeos sinalou hai uns días que se observaron dous períodos de oscilacións de potencia e de frecuencia na zona síncrona de Europa continental
Este mércores, 28 de maio, cúmprese un mes do apagamento que deixou sen luz durante horas a España peninsular e Portugal, mentres continúan as investigacións para tratar de atopar a causa que levou ao cero enerxético, aínda que transcenderon algunhas certezas.
"O sector eléctrico e a cidadanía seguen sen ter unha explicación oficial e detallada do sucedido", lamentan de feito eléctricas como Iberdrola e Endesa, que nun comunicado xunto ao resto das empresas que integran a patronal AELEC reclaman maior claridade, coherencia e transparencia na investigación.
Nun duro comunicado, as eléctricas emitiron este martes un comunicado no que defenden que os datos clave dun sistema eléctrico que pertence a todos os cidadáns non deberían ser confidenciais, sobre todo se, ao mesmo tempo, se lanzan mensaxes parciais en foros e medios de comunicación.
Por iso, defenden que Red Eléctrica debería compartir a información con todos os axentes implicados e, polo ben dunha resolución óptima dos feitos, sería conveniente que deixase de emitir xuízos públicos que só redundan na confusión e a obstaculización do proceso cara a unha análise técnica obxectiva.
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica Sara Aagesen defendeu que o fallo de subministración non se debeu nin a un problema de cobertura, nin de reserva, nin das redes e que o nivel de inercia do sistema eléctrico peninsular cumpría coas recomendacións da rede de operadores europeos cando se produciu o incidente.
As análises continúan, pero no Goberno reiteraron en varias comparecencias que se necesita tempo para poder examinar os máis de 750 millóns de datos que se recompilaron entre os requiridos ao operador do sistema e a outras compañías.
Para investigar o ocorrido, unha vez restablecida a subministración eléctrica formouse un comité de análise, con representantes de varios ministerios e doutros organismos, que foi traballando en dous subgrupos.
A esa investigación súmase a que está a realizar a rede europea de xestores de redes de transporte de electricidade (Entso-e), que ten un prazo de seis meses para presentar un informe independente, e a iniciada pola Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC).
Ademais, a Audiencia Nacional estendeu un mes máis o segredo de sumario na investigación sobre se o apagamento puido ser un acto de sabotaxe informática en infraestruturas críticas españolas, algo que podería encaixar nun delito de terrorismo.
A rede de operadores europeos sinalou hai uns días que se observaron dous períodos de oscilacións de potencia e de frecuencia na zona síncrona de Europa continental. AELEC engadiu que durante a mañá do 28 de abril a situación foi inestable e nos segundos anteriores ao colapso rexistráronse valores de tensión na rede eléctrica por encima dos límites considerados como de emerxencia.
Con todo, fontes de Red Eléctrica sinalan que é constatable que os valores de tensión antes do incidente non excederon os admitidos pola normativa e inciden en que non se pode establecer unha correlación con días previos, xa que responden a configuracións diferentes do sistema eléctrico.
Este martes, AELEC insistiu en pedir a Red Eléctrica que comparta os datos técnicos do incidente e que a análise que se realice sexa aberta, rigorosa e transparente. Ao seu xuízo, todos os implicados deben actuar con responsabilidade e transparencia.