O analista Rodrigo Rodríguez Costa, na RG: "A ameaza expansionista de Rusia é o maior dos problemas para a OTAN"
O analista Rodrigo Rodríguez Costa, na RG: "A ameaza expansionista de Rusia é o maior dos problemas para a OTAN"
A fusión de tropas Rusas e Bielorrusias ameazaría directamente a países como Lituania ou Polonia, manifesta Costa
A China é unha potencial ameaza cara ao futuro que a OTAN vai vixiar, remarca o experto
Rodrigo Rodríguez Costa analizou este xoves na RG os principais acordos do Cumio da OTAN, nesta segunda xornada do encontro dos principais líderes mundiais en Madrid. Xuntanza centrada na ameaza internacional na que se converteu Rusia, antes socia preferente da Alianza.
Seguindo o exposto polo presidente Ucraíno durante a súa intervención neste cumio, manifesta Rodríguez Costa que o expansionismo de Rusia é o maior problema para a OTAN neste momento.
Apunta este analista que asistimos a unha guerra entre o bloque occidental e Rusia, que se dirime en Ucraína, pero a actuación de Rusia non vai quedar aí.
"O propio concepto estratéxico declara que unha das ameazas é a fusión de tropas rusas e bielorrusas, o que levaría as fronteiras ata Kaliningrado, e ameazaría directamente a Lituania e Polonia, dando lugar a unha nova fase do conflito", aclara.
Resposta rusa
Rodríguez Costa, cualifica de "previsible" o agrupamento de tropas na fronteira rusa, a última ameaza coa que responde Putin ante o futuro ingreso de Finlandia e Suecia na Alianza Atlántica.
Non obstante, explica que a adhesión dos dous Estados non significa maior despregue militar neses países, senón que a OTAN gaña a importante capacidade dos seus exércitos.
Flanco Leste
Sobre o reforzo defensivo de trescentos mil militares no flanco leste da Alianza, aclara Rodríguez Costa que non actuarían ó tempo, senón en distintas fases, en función das necesidades.
"Estase dando, máis que nada, unha imaxe de estar dispostos a defender ata a última pulgada do territorio aliado", referíndose ás palabras do Secretario Xeral da OTAN.
Aclara que ese reforzo militar non é máis ca unha resposta, pero serán os técnicos de cada país os que decidan, unha vez rematado o cumio, en que se traduce ese repartimento, que efectivos vai achegar cada país e que grao de dispoñibilidade haberá por parte de cada membro aliado.
Ceuta e Melilla
Sobre a protección do flanco Sur, nun posible ataque ás cidades de Ceuta e Melilla, remarca o analista que non se pode modificar o redactado no Tratado Fundacional de Washington, onde non aparecían explicitadas estas dúas cidades, por situarse en África malia seren españolas.
Non obstante, salienta, non é unha cuestión preocupante, porque aínda que esa protección non consta por escrito, é practicamente imposible un ataque sobre Ceuta e Melilla que non afecte a España, co que esa protección da Alianza estaba xa practicamente garantida.
A China
Entre os principais desafíos para a OTAN, o dea China, á que ve como unha potencial ameaza.
"A OTAN estará vixiante coas actitudes do Goberno de Pequín, con todo o que vén facendo desde hai décadas; a reforma militar, modernización do poder armamentístico, capacidade expansionista, actividade bélica...", manifesta.
Ucraína
En relación ó conflito ucraíno, remata o analista vaticinando que agora a guerra está nunha fase de estancamento, con Rusia tentando controlar o territorio do Donbas. Con todo, matiza:
"Non sabemos cal pode ser a seguinte fase. Putin non vai quedar aí".