Sánchez responde a Trump polo gasto en defensa: "Sabe que estamos a cumprir"
"Somos un país confiable, somos un país que cumprimos cos nosos compromisos", asegurou o presidente do Goberno este xoves desde Bruxelas

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, respondeu ás queixas do líder estadounidense, Donald Trump, sobre o gasto en defensa, asegurando que "sabe" que España está "a cumprir" coas súas obrigacións e as súas capacidades.
"Somos un país confiable, somos un país que cumprimos cos nosos compromisos", trasladou Sánchez á súa chegada ao cumio de líderes europeos que comeza este xoves na capital comunitaria. Deste xeito replicou directamente ás palabras de Trump na véspera, acusando a España de non ser "un xogador de equipo" por non comprometerse a investir o 5 % o PIB en investimento militar como o resto de aliados.
"O presidente Trump sabe que, desde que eu son presidente do Goberno de España, non só estamos a cumprir coas nosas obrigas e as nosas capacidades hoxe, senón que ademais cumprimos con incumprimentos que outras administracións", en referencia aos compromisos adquiridos polo seu antecesor na Moncloa, Mariano Rajoy.
A continuación, o xefe do Executivo engadiu que chegou a un acordo coa OTAN "en materia de capacidades" que ao seu xuízo é o "realmente importante". "Esa é a nosa filosofía, creo que tamén é a filosofía da Alianza Atlántica e é neses parámetros chegamos ao acordo no último cumio da OTAN na Haia", rematou.