Publicador de contidos

Publicador de contidos

O aeroporto da Santiago bota o peche durante 35 días por obras

O aeroporto da Santiago bota o peche durante 35 días por obras

Os traballos para renovar a pista de Lavacolla obrigan a desviar boa parte do tráfico aéreo á Coruña ata o 27 de maio

A Xunta reforzará as conexións en autobús entre a estación intermodal de Santiago e o aeroporto de Alvedro para facilitar os desprazamentos

Imaxe da pista do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Imaxe da pista do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
G24.gal 22/04/2026 09:24

O aeroporto de Santiago bota o peche este xoves durante 35 días para renovar a súa pista. A obras obrigarán a reorganizar temporalmente o tráfico aéreo en Galicia. A meirante parte dos desvíos faranse á terminal da Coruña. Estas son as claves duns traballos que se producen en pleno debate sobre a necesidade de mellorar e facer máis competitivos os aeródromos galegos.

Renovación da pista

O aeroporto compostelán da Lavacolla permanecerá pechado entre o 23 de abril e o 27 de maio para renovar por completo a súa pista, que non se actualizaba desde o ano 2008.

As obras xa arrincaron a mediados de xaneiro, pero en horario nocturno, por tanto non afectaran ao tráfico aéreo.

Alén do pavimento da pista, renovaranse os sistemas de axudas á aterraxe en condicións de baixa visibilidade.

Alvedro, o máis beneficiado

O aeroporto coruñés de Alvedro é o máis beneficiado polo peche, xa que absorberá gran parte do tráfico da Lavacolla durante os 35 días que permanecerá sen servizo.

A Coruña ten actualmente entre 20 e 30 voos diarios e aumentará ata nun 70 % o seu tráfico, ata superar os 40 e, en momentos puntuais, os 50 ao día.

Aos seis destinos que ten agora -Madrid, Barcelona, Tenerife Norte, Gran Canaria, Xenebra e Milán- sumaranse outros cinco, con voos a Sevilla, Málaga, Palma de Mallorca, Londres (Heathrow) e París, alén de reforzos nas rutas a Barcelona, Gran Canaria e Tenerife Norte.

No aeroporto de Vigo só está previsto reforzar a conexión con Barcelona durante o peche da Lavacolla.

Reforzo do transporte coa Coruña

Para facer fronte ao novo fluxo de pasaxeiros, Alvedro aumentará en 700 as prazas de aparcamento, engadidas ás 1.200 actuais e con autobús lanzadeira gratuíto, e habilitará unha nova entrada na terminal e unha porta de embarque e outra de desembarque adicionais.

Tamén ofrecerá 60 novas prazas de aparcamento para vehículos de alugueiro, aumentará a capacidade para o servizo de taxi e ampliará a capacidade para restauración.

Para facilitar os desprazamentos, a Xunta anunciou un reforzo das conexións en autobús entre a estación intermodal de Santiago e o aeroporto coruñés.

Recuperar pasaxeiros, o reto da Lavacolla

O peche chega durante a peor crise de viaxantes na Lavacolla desde a pandemia, xa que pasou de alcanzar en 2024 unha marca de máis de 3,6 millóns de pasaxeiros a perder máis de medio millón nun ano.

Mentres os outros dous aeroportos galegos crecen, en 2026 rexisráronse 180.000 viaxeiros menos no primeiro trimestre, un derrubamento de case o 30 %.

Gran parte deste descenso está relacionado co peche da base de Ryanair na terminal compostelá, aínda que os expertos sinalan outros factores como a AVE a Madrid e unha deficiente política de captación de voos.

 Novas rutas

Coa pista renovada, A Lavacolla espera iniciar unha nova etapa con máis rutas internacionais para atraer viaxantes e cambiar a tendencia dos últimos meses.

Esta tempada contará con 12 destinos internacionais e terá voos directos, por primeira vez, con tres continentes diferentes.

As principais novidades son a conexión de United Airlines con Nova York, a través do aeroporto de Newark,l e os voos a Marrakech operados por Vueling, que tamén incorpora, no plano nacional, roteiros a Eivisa e Xerez.

Cara a un novo modelo para o sistema aeroportuario galego

Mentres se pecha temporalmente a pista compostelá, Aena e o resto de actores implicados no sistema aeroportuario galego, como as administracións estatal, autonómica, provincial e local e mais o sector do turismo, traballan nun modelo a futuro con máis coordinación entre as tres terminais.

O plan pasa por captar novas rutas para os tres aeroportos e a Xunta anunciou un apoio de 100.000 euros para promoción turística en orixe para cada nova conexión.

Tamén xurdiron propostas máis polémicas como a da Agrupación Industrial de Turismo de Galicia, que suxeriu especializar os aeroportos da Coruña e Vigo cara ao sector profesional e de negocios e o de Santiago para voos turísticos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade