En liberdade con cargos o acusado de provocar un accidente na AP-9
Conduciu en dirección contraria, bébedo e baixo o efecto de drogas
Catro persoas resultaron feridas no sinistro

O Xulgado de Instrución número 2 de Redondela imputou este luns un delito contra a seguridade viaria, na súa modalidade de condución temeraria ao condutor kamikaze detido este domingo, a quen deixou en liberdade tras retirarlle o carné de conducir.
O acusado, un veciño do Val Miñor, tomou a AP-9 en dirección contraria na madrugada do domingo provocando un accidente en que catro persoas quedaron feridas, unha delas grave.
O condutor circulaba baixo os efectos do alcol e outras drogas, nese último caso á espera de que o laboratorio confirme os resultados do test.
Cando se meteu na AP-9 en dirección contraria, concretamente no quilómetro 151, en Chapela, Redondela, eran case as 6:30 de mañá.
Tras bater cun vehículo, outros tres turismos víronse implicados no sinistro, o que deu como resultado catro persoas feridas, unha delas de gravidade.