Detido o casusante dun sinistro na AP-9 indo en sentido contrario bébedo e drogado
O turismo bateu contra outros cinco que ían a pouca velocidade pola intensa néboa en Redondela
Hai seis persoas feridas leves que precisaron ser trasladadas ao hospital
O condutor kamikaze, de 33 anos, deu positivo nos tests de droga e alcol
Un vehículo que circulaba en dirección contraria causou un novo accidente na AP-9, desta volta nas proximidades de Vigo. Sucedeu no quilómetro 151, á altura de Redondela. O condutor incorporouse á autoestrada na saída de Vigo e circulou polo carril contrario ata Chapela.
Bateu contra cinco vehículos, a pouca velocidade, porque había moita néboa nese momento, ás seis e media da mañá. Con todo, hai seis persoas feridas leves, que foron trasladadas ao hospital Álvaro Cunqueiro.
O condutor, que ten 33 anos e deu positivo en drogas e alcol, foi trasladado ás dependencias policiais de Pontevedra e permanece á espera de pasar a disposición xudicial. Está acusado de nove delitos, entre eles os de lesións, imprudencia grave e contra a seguridade viaria por condución temeraria e baixo os efectos do alcol e das drogas. Tamén será investigado polos danos.
A Garda Civil precisou inhabilitar dous carrís pero non chegou a cortar o tráfico, que era escaso no momento do accidente.
Coincidindo co día mundial en lembranza das vítimas da violencia viaria, durante a homenaxe que se rendeu en Vigo aos mortos e feridos nas estradas, a delegada en Galicia da asociación Stop Accidentes reflexionaba sobre o garantista que resulta a xustiza co delincuente viario.
"Aquí hai un problema de responsabilidade e corresponsabilidade. Todos somos responsables tamén. E se sabemos que o noso compañeiro non está en condicións de conducir, non o deixes conducir. Co alcol hai moitas medidas. Agora mesmo ben de acontecer un sinistro cun coche en sentido contrario de novo nas autoestradas de Galicia. O xuíz pode pedir tranquilamente que este señor non volva a subir a un coche." asegura Jeanne Picard, delegada de Stop Accidentes en Galicia.
O accidente deste domingo supón o terceiro caso en Galicia en oito días dun condutor kamikaze. O domingo pasado, un home circulou 5 quilómetros en sentido contrario ata que bateu co coche no que ía un matrimonio que resultou ferido grave. O condutor morreu días despois. Este sábado no Porriño outro kamikace foi detido antes de provocar un accidente.