O actor Pedro Brandariz morre durante unha representación teatral
O humorista era habitual do veterano Luar, na Televisión de Galicia
É finalista nos premios Mestre Mateo 2022 polo seu primeiro papel protagonista no cine no filme Jacinto

O actor Pedro Brandariz, do lugar de San Pedro de Nós, en Oleiros, faleceu este martes aos 44 anos tras sentirse mal mentres protagonizaba un monólogo nun colexio, segundo informou a súa contorna familiar.
Este humorista tiña unha ampla experiencia nos escenarios galegos e tamén na televisión, onde, por exemplo, era habitual do veterano programa Luar, na Televisión de Galicia, e en series como Casa Manola ou Lucy.
No seu currículo presentouse como humorista, actor, clown, humorista de stand-up, contacontos e cabaretista, con capacidade para achegarse ao humor desde diferentes ámbitos, xa fosen a narración oral, o teatro ou o cabaré.
O actor estaba nun bo momento creativo tras protagonizar Jacinto, filme con premios nos festivais de Sitges e Austin.