O 38% dos accidentes mortais con tractor en España teñen lugar en Galicia, cales son as causas?
Dos 160.000 vehículos que hai na nosa comunidade, máis do 50% superan os corenta anos
O 90% dos falecidos en Galicia superaban os 65 anos
Na última década, 184 persoas faleceron en Galicia a causa dos accidentes de tractor, o que supón unhas 15 vítimas anuais de media. A nosa comunidade lidera esta sinistralidade a nivel nacional, por iso cómpre facer unha análise das causas para centrar os esforzos na prevención.
O 38% das mortes por accidentes co tractor en España teñen lugar en Galicia. As dúas últimas mortes tiveron lugar en menos de 24 horas, unha na Pobra do Brollón e outra en Arzúa. Pero cales son as causas máis frecuentes destes sinistros?
Galicia conta cun parque móbil de tractores moi envellecido. Dos 160.000 vehículos que hai na nosa comunidade, máis do 50% superan os corenta anos. Os vehículos novos van equipados con medidas de seguridade que salvan vidas como as cabinas modernas, os arcos antienvorcadura ou o cinto de seguridade.
Outro factor decisivo é pasar a ITV, onde avaliarán o estado do cinto de seguridade e dos freos, algo importante á hora de traballar en terreos moi irregulares. Todos estes elementos salvan vidas, pero tamén é necesario saber que facer se envorca o tractor.
A idade dos condutores é outro dato que non se pode pasar por alto porque o 90% dos falecidos en Galicia superaban os 65 anos. A todo isto hai que sumar unha lexislación obsoleta e permisiva coas herdanzas.
Os expertos en prevención de riscos laborais consideran que se debería contar cunha formación específica para manexar este tipo de vehículos, e por iso se están facendo campañas de prevención e de información que poden axudar a reducir esta sinistralidade.