O 38,8 % dos condutores galegos sufriron algunha vez actos vandálicos nos seus coches
O 90 % destas accións sobre os vehículos suceden na rúa
O incivismo viario provoca o 40 % dos partes sen contrario que chegan ás aseguradoras
"Eu son residente, aparcaba na Costa Vella e rabuñáronme o capó do coche, fixéronme unha raia, a propósito, vaia", comenta un condutor.
Actos vandálicos coma estes suceden de forma habitual, de feito un 3 % dos españois recoñecen que danaron intencionadamente outros vehículos. Así se desprende dun estudo realizado por unha compañía aseguradora que sitúa Galicia por debaixo da media nacional en vandalismo viario.
"En Galicia o 39 % dos condutores sufriron actos vandálicos nos seus vehículos. Isto sitúaos por debaixo da media nacional", explica Mar Garre, directora de Persoas, Comunicación e Sostibilidade de Línea Directa Aseguradora.
Ás veces os estragos non son mal intencionados, senón por descoido ou accidente.
A falta de civismo nótase cando nesas circunstancias os condutores marchan sen deixar unha nota.
Segundo este estudo, un 6 % dos galegos recoñece que o fixo moitas das veces por medo a perder as bonificacións do seguro.