O 2025 foi o ano de Borja Iglesias, máximo goleador do Celta
O Panda acumula 15 goles no ano 2025, seguido dos oito de Aspas, os sete de Pablo Durán e os seis de Williot
Non hai corno que máis engaiole, nin son que máis enfeitice ao celtismo ca o da súa xente; os de aquí defendendo camisola, casa e facenda. Esa foi a mecánica prodixiosa pola que se moveu Borja Iglesias na súa recuncada de 2024 e, despois, na definitiva recalada no Celta tras un verán no que Giráldez devecía polo dianteiro santiagués.
Resolta a súa contratación definitiva chegaba á Lavacolla para incorporarse xa como xogador celeste en propiedade apenas catro días antes de comezar a nova tempada, e cos once goles marcados na liga 24/25 como listón de referencia.
O dianteiro integrouse rápido no rol de xogador influínte en ataque que Giráldez lle tiña reservado. Pasados cinco meses, O Panda suma 5 goles no campionato e acumula 15 no ano 2025, seguido dos oito de Aspas, os sete de Pablo Durán e os seis de Williot a quen puido ver en primeira fila na área do Madrid marcando este golazo que enmudeceu ao Bernabeu e no que o aclarado de Iglesias foi decisivo para deixar ao sueco solto.
A de Madrid foi unha das grandes actuacións do Celta neste 2025 que esmorece. Tamén dun Borja Iglesias que contra o Barça marcou un dos goles celestes cos que, secasí, non puideron evitar a vitoria do líder do campionato pero que lle serven ao picheleiro para facerse un oco na dura batalla do Pichichi mesmo por diante de Vinicius.
O gol en Balaídos súmase ao Hat-trick en Montjuic na pasada campaña. Un dos partidos máis lúcidos do xogo celeste desque Claudio chegou á banqueta dos vigueses e unha panca decisiva para impulsar a Borja Iglesias á selección.
As vacacións do Nadal son como unha beizón para un futbolista que xoga unha media de 60 minutos por partido, que marcou en Albacete sen evitar a eliminación copeira e que vai ser decisivo na segunda volta da Liga. Sen esquecer Europa.