O de Chandrexa vai camiño de ser o peor incendio da historia de Galicia, con 11.000 hectáreas calcinadas
O de Chandrexa vai camiño de ser o peor incendio da historia de Galicia, con 11.000 hectáreas calcinadas
Só na provincia de Ourense arderon estes días arredor de 30.000 hectáreas
Emerxencias ordena o illamento da parroquia de Estevesiños e mantén confinadas as localidades de Casas dos Montes, en Oímbra, e A Madanela, en Monterrei
Un bombeiro ferido e dous máis atendidos por golpe de calor en Oímbra
O de Chandrexa de Queixa vai xa camiño de converterse no peor da historia de Galicia. Con 11.000 hectáreas de terreo arrasadas, está xa moi preto do rexistrado no Courel en 2022 e que queimou uns centos máis.
Só na provincia de Ourense arderon estes días arredor de 30.000 hectáreas. Nove incendios continúan sen control e as autoridades manteñen activa a situación 2 de emerxencia en toda a provincia.
A seca e os continuos cambios de vento fan extremadamente difíciles os traballos de extinción, que nestes momentos se centran practicamente en apagar lume con lume.
Os servizos de Emerxencias confinaron na tarde deste xoves os veciños da parroquia de Estevesiños, en Monterrei (Ourense), mentres que as localidades de Casas dos Montes (Oímbra) e A Madanela (Monterrei), con 122 e 140 residentes respectivamente, permanecen pechadas desde esta mañá pola proximidade dos incendios forestais.
En paralelo, as 40 persoas evacuadas da Bouza (Viana do Bolo) xa puideron volver ás súas casas.
Un único incendio en Chandrexa de Queixa que chega ás 11.000 hectáreas
Os dous incendios activos en Chandrexa de Queixa, que se iniciaran nas parroquias de Requeixo e Parafita, uníronse único incendio que supera as 11.000 hectáreas queimadas, parte delas no veciño concello de Manzaneda.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 22 técnicos, 99 axentes, 134 brigadas, 78 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 25 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
2.500 hectáreas en Maceda
Tamén se converteron nun único incendio os dous que afectan ao concello de Maceda, que se iniciaron nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro (este último dábase por estabilizado). Leva queimadas xa 2.500 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse en total 9 técnicos, 70 axentes, 103 brigadas, 68 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra-A Granxa supera as 6.000 hectáreas
Segundo a última actualización de datos de Medio Rural, o incendio que se iniciou o martes na parroquia de Granxa, en Oímbra, e que saltou ao concello veciño de Monterrei, e que esta noite motivou evacuacións e confinamentos, afecta a unha superficie de 6.000 hectáreas.
Alí mobilizáronse, polo de agora, 14 técnicos, 39 axentes, 53 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O incendio da Mezquita arrasou 8.000 hectáreas
Tamén iniciado o martes o incendio que prendeu na parroquia de Esculqueira, na Mezquita, afecta arredor dunhas 4.000 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 20 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 14 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Vilardevós-Vilar de Cervos queimou 250 hectáreas
O declarado este mércores en Vilar de Cervos, en Vilardevós calcinou xa 250 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 7 axentes, 4 brigadas, 7 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
Vilardevós-Moialde suma 40 hectáreas
Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que permanecía estabilizado desde a mañá do pasado martes. Este lume iniciouse ás 16.05 horas do luns cunha afectación provisional de máis de 40 hectáreas, superficie que está pendente dunha nova estimación. Polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 6 avións.
Vilardevós-Fumaces e a Trepa supera as 20 hectáreas
Activo desde as 17.41 horas de hoxe un incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo momento 2 brigadas, 1 motobomba e 1 avión.
Vilariño de Conso-Mormentelos afecta 180 hectáreas
Na tarde de hoxe reactivouse o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas. Afecta a unha superficie de máis de 180 hectáreas e está pendente dunha nova estimación. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 16 axentes, 22 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 5 avións.
Larouco-Seadur queimou 600 hectáreas
Desde as 18.55 de onte mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 600 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 15 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Incendios estabilizados e controlados
Montederramo-Paredes: 120 hectáreas
Segue estabilizado desde as 10:35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04:50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Ourense-Seixalbo: 100 ha
Desde as 00:51 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14:14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
Controlado Verín-Mourazos : 9 ha
Esta controlado, desde as 01:01 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13:15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado Dozón-O Castro: 400 ha
Desde as 21:47 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14:32 horas e que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 4 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 34 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 5 avións.
Controlado A Estrada-Souto: 20 ha
Esta controlado desde as 12:10 horas do martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12:37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais roza as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 16 axentes, 28 brigadas, 29 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
Controlado Samos-Santalla: 200 ha
Ás 20:18 horas de onte mércores quedou controlado o lume do concello de Samos, parroquia de Santalla, que se iniciou o luns ás 23:27 e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 21 axentes, 36 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro: 150 ha
Permanece controlado desde as 14:42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15:30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 69 axentes, 93 brigadas, 98 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
Feridos entre os equipos de extinción
Un bombeiro resultou ferido con queimaduras nunha man en Casas dos Montes (Oímbra). Tamén se solicitou asistencia para dous bombeiros portugueses afectados por un golpe de calor.
Os técnicos de Protección Civil seguen avaliando a situación nas diferentes localidades e non descartan novos cambios nas medidas de seguridade nos próximos días.