Publicador de contidos
Publicador de contidos

Noruega e Irlanda, de acordo con España en recoñecer o Estado palestino

Noruega e Irlanda, de acordo con España en recoñecer o Estado palestino

Sánchez viaxou aos dous países en busca de aliados para impulsar esa iniciativa

Nin o noruegués nin o irlandés se comprometeron con ningunha data

Antón Montero 12/04/2024 20:09 Última actualización 12/04/2024 20:20

Pola mañá foi Noruega. "Estamos listos para recoñecer o Estado de Palestina", dicía o seu primeiro ministro, Jonas Gahr Store.

E pola tarde Irlanda, aínda que os dous, sen comprometerse cunha data. "Cremos que o hai que facer no momento adecuado. Ese momento está máis cerca", dicía o primeiro ministro irlandés, Simon Harris.

Os dous estados apoian a iniciativa de España para ampliar o bloque de países que recoñece Palestina como Estado e que solicita a súa adhesión á ONU.

Pedro Sánchez cre que "a comunidade internacional non poderá axudar a Palestina se non recoñece a súa existencia. Toca avanzar. Nós ímolo facer coa esperanza de que outros tamén o fagan".

O presidente do Goberno quitoulle importancia á reacción dos Estados Unidos ante a súa iniciativa. A Casa Branca cre que Israel debe estar de acordo. "Cremos que é mellor facelo a través do diálogo e a negociación entre as dúas partes", declarara horas antes o voceiro do departamento de Estado.

Desde España, o PP apoia a idea, pero pide non ir en solitario. "A posición do Partido Popular é que haxa dous estados, pero sempre dentro do recoñecemento internacional. España non pode ir por libre", explicaba a secretaria xeral dos populares, Cuca Gamarra.

A presidenta madrileña desmarcouse da postura do partido. Isabel Díaz Ayuso criticou a Sánchez porque "agora decidiu que o segundo masacre máis importante cometido contra os xudeus despois do Holocausto se solucione premiando os terroristas de Hamas co Estado palestino que, polo momento, ninguén pediu".

O xefe do executivo lamentou que "no principal partido da oposición escoitamos distintas voces que din que non, que talvez. En todo caso, que se aclaren".

Sánchez e os mandatarios noruegués e irlandés tamén reclaman un alto o fogo inmediato en Gaza, a apertura de corredores humanitarios e a liberación dos reféns en mans de Hamas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade