OPINIÓN
Non sobran renovables, falta sistema, por María Bastida
España non ten tanto un problema de exceso de transición enerxética como un de secuencia. Fomos capaces de instalar fotovoltaica a gran velocidade, pero non de compasar ao mesmo ritmo o resto das pezas necesarias para que funcione ben. Fedea vén dicir de forma clara, alertando de que o gran empuxe renovable dos últimos anos descansou sobre todo na solar, pero ese ciclo empeza a chocar cos seus propios límites e pode desembocar nunha freada a partir de 2027. En 2025, ademais, o prezo capturado pola fotovoltaica caeu de 45,64 a 35,75 €/MWh, xa moi preto do limiar de rendibilidade.
A razón é sinxela. Se moita xeración entra nas mesmas horas e o sistema non pode absorbela ben, baixan os prezos, aumentan as verteduras e a rendibilidade estréitase. Aí está o verdadeiro pescozo de botella. Porque a transición non consiste só en poñer paneis. Tamén esixe rede, almacenamento, flexibilidade, xestión da demanda e máis electrificación real da economía. E aí o atraso é visible. Fedea lembra que en 2025 só entraron 70 MW de baterías e ningunha nova capacidade de bombeo, moi lonxe do que esixe o propio PNIEC, que para 2030 debuxa un sistema máis equilibrado, con 62 GW de eólica, 76 GW de fotovoltaica e 22,5 GW de almacenamento.
En Galicia, ademais, este debate resúltanos especialmente familiar. Aquí levamos tempo advertindo de que a oportunidade enerxética non depende só de producir máis, senón de poder evacuar, integrar e aproveitar esa enerxía para atraer actividade e industria. Non é casualidade que unha das reclamacións recorrentes fose precisamente máis capacidade de evacuación e máis rede.
Convén lembralo agora, ademais, cando estamos ás portas de que se cumpra un ano do grande apagamento peninsular do 28 de abril de 2025. A lección daquel episodio non é que haxa que frear a transición, senón que un sistema eléctrico precisa capacidade para operar con estabilidade. O informe oficial falou dunha orixe multifactorial, con problemas de sobretensión, capacidade insuficiente de control de tensión e desconexións de xeración. Noutras palabras, a enerxía do futuro ten que ser limpa, pero tamén segura. Porque descarbonizar non consiste en enchelo todo de megawatts, senón en evitar que o sistema, literalmente, se nos vaia a cero.