Publicador de contidos

Publicador de contidos

Menos factura, máis competitividade, por María Bastida

OPINIÓN

Menos factura, máis competitividade, por María Bastida

María Bastida 17/02/2026 08:12

Durante anos, a política enerxética autonómica en Galicia consistiu, basicamente, en autorizar ou non proxectos promovidos por terceiros. O que vén sendo un papel de árbitro: fixar regras, tramitar expedientes e, no mellor dos casos, tentar que parte do valor xerado retornase ao territorio mediante cánons, convenios ou compensacións máis ou menos voluntarias.

A compra do parque eólico de Mondigo por parte de Recursos de Galicia cambia ese esquema. Supón un investimento de 75 millóns de euros e permitirá aplicar descontos do 80% na factura eléctrica aos veciños da contorna. Pero, ademais, marca un cambio de fondo. Así, a Xunta deixa de limitarse a ordenar o mercado enerxético para empezar a participar directamente nel. E iso é unha moi boa noticia. Porque introduce unha lóxica distinta. O vento deixa de ser só unha materia prima que se autoriza a explotar a terceiros para converterse nun activo cuxo valor pode quedar, polo menos en parte, en Galicia. Non só se regula o seu aproveitamento, senón que tamén se participa nel.

A partir de agora, unha sociedade participada pola Xunta vai producir a súa propia enerxía renovable e, ademais, poderá vendela directamente a fogares e empresas a través da súa propia comercializadora. Traducido: máis capacidade para que as familias paguen menos pola luz e, sobre todo, para que as empresas galegas poidan acceder a electricidade renovable a prezos máis estables e previsibles. Nun contexto no que o custo da enerxía marca a competitividade de moitos sectores industriais, contar con subministración local a longo prazo pode facer a diferenza entre producir aquí… ou deixar de facelo.

Ademais, nun momento no que o desenvolvemento de novos parques está atascado nos tribunais, mercar instalacións xa operativas permite avanzar sen ter que esperar anos de trámites. Non resolve todos os problemas, pero é un paso na boa dirección. Porque a enerxía non é só unha cuestión ambiental: é tamén unha cuestión económica. E empezar a utilizala como unha vantaxe competitiva propia era, probablemente, unha das tarefas pendentes. E tamén, por que non dicilo, porque demostra que -por unha vez, e sen que sirva de precedente- un Goberno cumpre o que promete. E que ese cumprimento pode traducirse en menos factura para as familias e máis competitividade para as empresas galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade