Noiteboa ou Noitevella? Coñecemos as celebracións preferidas dos galegos
Tradicionalmente a última cea do ano é máis festiva e adoita incluír a celebración con amigos mentres que a Noiteboa era máis familiar
Os hábitos dos galegos tamén mudan e iso inclúe con quen pasamos as festas, onde e que escollemos para comer
Noiteboa e noitevella son dúas das noites máis festivas do ano, se ben cada unha conta coas súas tradicións. Unha máis familiar e a outras máis social. As festas dan para todos: para os que queren pasar tempo cos amigos e os que buscan reencontrarse coia familia.
Con todo, as ceas fóra da casa seguen a ser máis habituais na Noitevella, mesmo para os que non cociñan, como explica Maika Camba Vidal, do Grupo Zaka, expertos en elaborar menús para estas datas: "Noiteboa é máis familiar e preferimos pasala na casa aínda que tiremos de que nos traian comida feita e en noitevella gusta máis saír da casa".
E para os menús, tamén variedade, como destaca Camba: "En Noiteboa buscamos o caseiro, o que sabe ao de sempre, que nos recorda eses momentos en familia. En noitevella xa buscamos algo máis refinado, gozar fóra".
Con familia, con amigos, sós, na casa ou de viaxe. Cada quen buscará a mellor maneira de entrar no 2026.