O Día Mundial do Selo Postal descobre algunhas anécdotas e sutilezas da filatelia
Foi en Inglaterra, hai case dous centos anos, onde se acuñou por primeira vez un selo coa cara dun monarca como garantía de pagamento
Entre os novos fetiches analóxicos da xeración Z non están, de momento, os selos de Correos, pero todo se andará. Este 7 de xaneiro é o Día Mundial do Selo Postal. Celébrase desde hai 90 anos e é unha oportunidade para que os mozos descubran un mundo, o da filatelia, cheo de anécdotas e sutilezas.
O de poñer retratos dos reis como garantía de pagamento dun envío ocorréuselles aos ingleses.
"O primeiro selo que saíu foi en 1840, en Reino Unido, coa raíña Victoria. España entrou en 1850, e a Raíña Isabel II é a que aparece. E a raíña miraba cara a esquerda, mentres o resto dos retratados miraban cara á dereita", explica Javier Varela, director da oficina principal de Correos da Coruña.
O primeiro selo coa imaxe da Princesa de Asturias foi un dos máis demandados de 2025. Os selos retrataban celebridades que cos selos se facían máis célebres. Pero só a familia real pode saír neles en vida. Un dos máis queridos dos últimos tempos foi o de homenaxe a Concha Velasco.
Tamén o do romano de Lugo, o de Picasso, o de Forges xeraron moita expectación. De cada un antes había tiradas de millóns de exemplares. Agora son miles, en edicións especiais.
Accións como a de escribir un enderezo, pegar o selo e poñer o mataselos apelan á nostalxia duns tempos en que non todo era tan inmediato.