O envío de cartas por correo postal, en desuso entre a mocidade
Non teñen necesidade, pero saberían como mandar unha se tivesen que facelo?
O envío de cartas a través do correo postal é cada vez menos frecuente entre a mocidade. "Eu esa época non a vivín nada, cero. Todo redes sociais, whatsapp, chamadas". "Eu acórdome unha vez no cole, en clase de inglés, que tivemos que enviar unha carta a nenos de Bélxica, pero cartas como tal non enviamos". "Carta como tal nunca enviei. Igual cando era pequeno, pero non o lembro".
Non teñen necesidade, pero saberían como mandar unha se tivesen que facelo? "Buf, agora mesmo non lembro. Sei que tiña que poñer o enderezo e todo iso". Explícao a voz da experiencia: "Comprabas o selo no estanco, pero agora como se perdeu moito vas a Correos e xa che poñen o selo e a dirección e todo".
Non é só unha cuestión xeracional. "Non uso correo, só para paquetería". "É verdade que agora se perdeu". "Todo é dixital agora e faise desde a casa. É lamentable porque en certo modo é unha cousa case romántica". Os medios dixitais impóñense a calquera idade.