Correos dedica un selo a María Vinyals, pioneira do feminismo en Galicia, con 65.000 exemplares
Pode adquirirse a un prezo de 2 euros nas oficinas de Correos, a través de Correos Market ou contactando co Servizo Filatélico da compañía
Acto de presentación do selo no Castelo de Soutomaior. Correos
Correos presentou este mércores en Soutomaior un selo dedicado á escritora, intelectual e sufraxista María Vinyals, co que se "rende homenaxe a esta figura que forma parte do grupo de mulleres pioneiras na arte, política e activismo da súa época", segundo informou a compañía nun comunicado.
O selo inclúese na serie 'Literatura', cunha tirada de 65.000 exemplares e un valor unitario de 2 euros.
A 'marquesa vermella'
María Vinyals, nacida en Soutomaior o 14 de agosto de 1875, era coñecida como a 'marquesa vermella' polo seu activismo social e pola súa defensa dos dereitos das mulleres. A proposta para dedicarlle este selo remóntase a xullo de 2024.
O acto de presentación, ao asistiron o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; e a directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera, desenvolveuse no castelo desta localidade, un dos espazos estreitamente ligados á figura de María Vinyals e desde o que se traballou durante anos para recuperar e divulgar o seu legado.
Entre as iniciativas desenvolvidas atópanse a Escola de Igualdade María Vinyals, impulsada pola Deputación de Pontevedra, as visitas teatralizadas ao castelo ou a denominación dunha variedade de camelia co seu nome.
Outras 65.000 unidades dedicadas ao compositor Frederic mOMPOU
Ademais, Correos puxo en circulación este martes 65.000 unidades dun selo dedicado ao compositor catalán Frederic Mompou, "unha das figuras máis relevantes da música catalá".
Esta emisión ten un valor unitario de 2,65 euros e incorpórase á serie 'Música', coa que Correos recoñece a contribución de compositores, intérpretes e manifestacións musicais ao patrimonio cultural.
Ambos os selos pódense adquirir en oficinas de Correos, a través de Correos Market ou contactando co Servizo Filatélico da compañía.