A novena arte reivindícase no Día do Cómic: "Non somos un reduto 'friki'"
Nove autores galegos visitan este martes o local de Komic, templo da bedé en Compostela
Entre as novidades destaca A Lenda de Santoro, de Mario Casas, de tan só 14 anos
Se alguén sabe de cómics en Galicia ese é Pío Barreiro. Leva 40 anos prescribindo viñetas desde a súa tenda de Compostela. Unha paixón que transmite á súa clientela habitual, que vai dos 3 aos 80 anos.
"Non me gusta reducir o público do cómic a estilos nin a idades. Fanse cousas marabillosas para todo tipo de públicos", explica Pío.
"Aquí non somo catro frikis raros, somos un montón de xente que amamos a beleza, porque son verdadeiras obras de arte", engade un dos seus clientes.
A banda deseñada pode contalo todo e chegar a todos. Dos superheroes máis divertidos á realidade histórica máis crúa.
"Por exemplo, teño aquí diante Gorazde de Jose Sacco, un documento único sobre a guerra de Iugoslavia, para min é o autor que máis merece un premio Pulitzer".
"Eu son de clásicos, Tintín, Astérix, Mortadelo, Lucky Luke. O problema é que non teño máis sitio na casa", comenta un cliente.
E con especial orgullo, Pío amosa o andel dos autores galegos e en galego. Creadoras e creadores do país que pisan forte con novidades como A Lenda de Santoro, de Mario Casas, o neno prodixio da bedé galega.
"Creo que nunca se dera, un neno tan novo cunha obra tan completa, sendo guionista e ilustrador ao mesmo tempo. Tamén recomendaría outra novidade do veterano Alberto Taracido, que se chama O eco dos días rotos, ambientada no barrio coruñés de Labañou".
Algúns destes autores estarán esta tarde na libraría para celebrar o día do Cómic. E entre eles tamén estará Pío, que de tanto ler tebeos acabou escribindo o seu. Chámase Gloria, unha trama medieval coa construción do Pórtico da catedral compostelana como protagonista.