Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ninguén pode parar o Deportivo

Ninguén pode parar o Deportivo

Un golazo de Lucas e outro de Davo tomban unha combativa Cultural 

G24.gal 20/04/2024 21:11

Un ateigado estadio de Riazor vibrou cun novo triunfo dun Deportivo que roza a perfección na segunda volta. Once vitorias e dous empates. Ante a Cultural, o equipo coruñés recuperouse dun inicio complicado grazas ao reaparecido Lucas Pérez. O de Monelos demostrou a súa categoría cun golazo que inauguraba o marcador. Gran disparo para noquear un conxunto leonés que quedou tocado logo do seu dominio dos primeiros intres.

O tanto tranquilizou os ánimos dos brancos e azuis, que contemporizaron no resto da primeira metade para saír a por todas no inicio do segundo tempo. Os de Idiakez gozaron de ocasións para aumentar a conta. Especialmente clara foi a que tivo Mella logo dun gran pase de Lucas. Non acertou a porta baleira e sorte tivo de non facerse dano contra o pau. A seguir, a oportunidade foi para Davo, tamén, como non, tras pase de Lucas. Amigo evitou o gol.

Sen sentenza no marcador, a Cultural foi medrando e pouco a pouco recuperou o dominio do xogo. Non acumulou moitas ocasións. A mellor foi unha de Barri tras centro de Calderón. Na recta final, e cos visitantes entregados, chegaría o dous a cero que pechaba o encontro. Contraataque entre Alcaina e Cayarga. Bó recorte deste e asistencia para Davo, que batía sen problemas ao gardameta visitante.

Era o minuto 85. Riazor respiraba. O Deportivo conta con nove puntos de renda co seu inmediato perseguidor o Barça B, á espera do que faga no encontro ante o Lugo. O ascenso semella máis preto que nunca para o equipo coruñés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade