Nenos do Aeroclub de Santiago visitan as instalacións do Aeródromo Militar
Os meniños descubriron algúns dos aspectos da actividade do Exército do Aire e do Espazo
O aeródromo militar de Santiago abriu hoxe as súas instalacións aos máis pequenos da casa. E como xa non hai escola, os visitantes foron os nenos dun campamento de verán, o do Aeroclub de Santiago.
Entre outras moitas actividades tiveron a oportunidade de ver e ata de subir a un apagalume anfibio do 43 grupo de Forzas Aéreas de Torrexón, que está adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Destacado en Galicia desde o 1 de xullo e ata outubro, vén para colaborar na campaña de loita contra os incendios forestais, co privilexio de poñerse ata na posición do piloto, accionar os mandos, ver o interior, e descubrir a técnica coa que estes enormes aparatos collen auga do mar e a levan despois sobre as lapas dos grandes incendios.
"Explicámoslles os datos técnicos tentando facer comparacións, para que eles entendan mellor", declarou Eduardo Gutiérrez, comandante do Exército do Aire e xefe do Destacamento do 43 grupo en Santiago.
Os nenos non ocultan o seu asombro, un entusiasmo que resulta gratificante para os militares, que teñen entre as súas funcións difundir en que consiste a súa misión.
"A súa admiración, as caras de sorpresa que poñen a ver cousas que só viran por televisión. A verdade é que é moi gratificante", subliña o Coronel Miguel Ángel Paredes, xefe do aeródromo militar de Santiago
Tamén houbo actividades de orientación sobre o terreo e asistiron a un adestramento dos cans do Terzo Norte de Infantería de Ferrol.