Nai e filla relatan as agresións sexuais dun home, para o que piden 21 anos de cárcere
A Fiscalía atribúe ao procesado un delito de continuado de agresión sexual á rapariga, unha moza duns vinte anos cunha discapacidade do 65 % e grao de dependencia 1, e outro de violación á súa nai no domicilio das vítimas no partido xudicial de Vigo
Unha nai e a súa filla relataron este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, as agresións sexuais dun home que se enfronta a 21 anos de prisión por eses feitos.
A Fiscalía atribúe ao procesado un delito de continuado de agresión sexual á rapariga, unha moza duns vinte anos cunha discapacidade do 65 % e grao de dependencia 1, e outro de violación á súa nai no domicilio das vítimas no partido xudicial de Vigo.
A nai comentou que se coñeceron o 3 de febreiro de 2024 nunha cafetería onde el traballaba e ela celebraba un aniversario. A muller pasaba un "mal momento", co ánimo "moi baixo", e o home achegóuselle a falar e díxolle "algo bonito".
Despois quedaron na praia, seguiron coincidindo na cafetería e o 14 de febreiro el pediulle que o levase a Urxencias porque estaba con "moita ansiedade". Ela accedeu, tamén cando máis tarde el lle pediu que o deixase quedar na súa casa. Ofreceulle o sofá porque lle deu "mágoa". Ao día seguinte, el volveu chamala para que o levase novamente a urxencias e, aínda que a súa idea era que non quedase na casa, deulle "pena" e autorizouno.
Durante a convivencia, ata abril, houbo relacións sexuais consentidas, ata que, segundo a súa versión, en Semana Santa el penetrouna sen consentimento despois de que ela requirise, como sempre facía, o uso de preservativo, pero el continuou tras dicirlle que parase.
Naquelas semanas, ela percibiu a relación do home coa súa filla coma se fose paternal, porque de feito a rapariga non tivera esa figura paterna na súa vida. Con todo, o 5 de abril escoitoulles rumorear no cuarto da moza e aí descubriu que ela lle deixara unha tarxeta para comprar roupa. Iniciaron unha discusión sobre iso, a filla comentou que estaba incómoda con el e ela botouno de casa nese momento.
Foi posteriormente cando a rapaza lle acabou contando que o home lle facía tocamentos. De sabelo, botaríao "antes". A muller non presentou denuncia por "vergoña", pero a súa doutora de cabeceira animouna a que "non quedase en silencio", e ela acudiu á Policía dúas semanas despois.
A filla contou que se coñeceron o mesmo día na cafetería e referiu que o 6 de marzo de 2024 el meteuse na súa cama e fíxolle tocamentos por encima da roupa. Tamén relatou outros episodios similares e contou que unha das veces a súa nai viuno na súa cama e ela botouno "inmediatamente" do cuarto, aínda que el dicía que era como unha relación paternal.
Unha amiga das denunciantes afirmou que a relación del coa nai era "un acoso puro e duro", e relatou que se lle "ía moito a man" coas mulleres, que tamén a ela a sentou no seu colo. A esta señora, el non lle negou que se meteu na cama da moza, pero xustificouno dicindo que "o vía como algo paternal". O procesado pediu declarar ao cabo deste xuízo que se celebra en Vigo.