Rafa Nadal segue no camiño de gañar o terceiro Grand Slam da temporada
Derrotou a Van de Zandschulp en tres sets
Medirase con Taylor Harry Fritz nos cuartos de final
Rafa Nadal gañoulle ao neerlandés Botic Van de Zandschulp, de 26 anos, quen nunca alcanzara os oitavos de final en Wimbledon. Fíxoo en tres sets, cunha grande autoridade nos dous primeiros, e con sufrimento nun terceiro, que tiña dominado pero resolto no tie break.
Nadal comezou cun xogo moi sólido que lle permitiu gañar o primeiro set (6-4) e resolver pola vía rápida o segundo (6-2). Parecía que tiña encamiñado o triunfo cun 5-3 e servizo no terceiro set, pero Van de Zandschulp reaccionou rachando o saque do balear e levando o partido á morte súpeta. Rafa Nadal volveu ter unha cómoda vantaxe no tie break pero desperdiciou varias bólas de partido ata que na cuarta acabou levando o encontro (7-6).
O balear medirase en cuartos co estadounidense Taylor Harry Fritz e mantense no camiño de poder conquistar o terceiro Grand Slam da temporada logo de gañar o Aberto de Australia e Roland Garros.