Nacho Moyano asiste ao descenso do Anaitasuna, o seu vindeiro equipo
O equipo navarro gañou (37-34), pero o resto de resultados non lle foron favorables
O Cangas xa tiña a salvación resolta desde a semana pasada
O Anaitasuna gañoulle ao Cangas Frigoríficos do Morrazo por 37-34 no partido da última xornada da Liga Asobal pero a combinación do resto de resultados non foi propicia para o conxunto navarro. Dáse a casualidade que os dous equipos intercambiarán técnicos para a próxima temporada porque Nacho Moyano será o que dirixa o Anaitasuna e Quique Domínguez o que leve o temón do Cangas.
A intensidade do Anaitasuna mandou no encontro aínda que o conxunto galego non deu o seu brazo a torcer e estivo metido no partido durante os sesenta minutos. Ao descanso o equipo local tiña catro goles de vantaxe (20-16) pero no segundo os do Morrazo achegáronse a un (26-25). No treito final volveu a vantaxe ata os 4 goles e así rematou o partido.
Pero no Anaitasuna estaban máis pendentes do resto de partidos. As vitorias de Huesca, Ángel Ximénez e Benidorm deixaron en nada o triunfo porque descende de categoría.