Publicador de contidos

Publicador de contidos

Educación calcula que as axudas da Xunta para afrontar o curso suporán un aforro de 107 millóns de euros

Educación calcula que as axudas da Xunta para afrontar o curso suporán un aforro de 107 millóns de euros

O conselleiro Román Rodríguez asegura que a cifra de profesores será semellante á do curso anterior

Di que seguirán avaliando as actuacións necesarias para garantir a equidade e a calidade do ensino

G24.gal 04/09/2022 13:59 Última actualización 04/09/2022 19:17

O conselleiro de Educación di que aínda non teñen a cifra definitiva de profesores para este curso porque segue aberta a matrícula en FP. Nunha entrevista na Radio Galega, Román Rodríguez insiste, porén, en que non haberá un recorte de profesorado.

"Imos ter sen dúbida máis profesores que no curso prepandémico e un número semellante ao do curso pasado, a pesar de que hai unha perda de 15.000 alumnos en infantil e primaria".

Fronte ás denuncias da oposición, que estimou que o curso arrancará cun milleiro de docentes menos, o conselleiro destaca a importancia de adaptarse á realidade demográfica e asegura que Galicia é unha das comunidades con mellor ratio profesor-alumno.

"O 70 % das aulas galegas ten menos de vinte alumnos e somos a terceira comunidade autónoma de España en investimento por alumno, detrás do País Vasco e de Navarra".

Crise de prezos

Este ano o regreso ás aulas estará condicionado, entre outras circunstancias, pola actual crise de prezos. Estímase que se vai producir un encarecemento medio do material escolar do 7 % e de ata o 10 % nos libros de texto.

Segundo o conselleiro, o seu departamento leva meses traballando para que "a galopante inflación" afecte o menos posible e asegura que o conxunto de medidas da Xunta para afrontar o curso supón un aforro de 107 millóns para as familias galegas. 

Cita, por exemplo, o aumento do 50 % da partida para libros de texto, o comedor escolar bonificado, o transporte totalmente gratuíto, a dotación de recursos tecnolóxicos de balde ou a conxelación das taxas universitarias. 

Equidade e calidade

Tamén afirma que seguirán analizando as medidas que sexan necesarias para continuar garantindo a calidade e equidade do ensino galego a prol da igualdade de oportunidades e a xustiza social.

Preocupa tamén neste inicio de curso o atraso na chegada ás librerías dos manuais dalgunhas materias derivado da entrada en vigor da nova lei educativa. Román Rodríguez di que as editoriais lle trasladan que os libros de texto "chegarán de forma inminente" aos postos de venda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade