Musicoterapia no comezo da xornada no Centro de Educación Especial de Vilagarcía
No CEE de Vilagarcía empezou este martes unha nova edición da iniciativa social 'Musica a flor de pel', que Afundación levará a outros once centros de Galicia
Con 'Música á flor de pel'. Así empezaba a xornada deste martes no Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa. E así arrincaba a actividade de Afundación con microconcertos terapéuticos neste tipo de centros en diversas localidades de Galicia.
Pedro Campos, músico terapeuta di que "imos xerar emocións agradables, que pasen un tempo de felicidade que protexe moito o cerebro. Isto é neuroprotector. A música vai directa á emoción sen un pensamento previo".
O equipo docente e o alumnado participaron nesta iniciativa que converteu por unha hora o patio do colexio nunha sala de baile. E polo que nos contan profesoras, a música ten un valor grande neste colectivo que precisa atención especial.
Silvia Saavedra, titora do Centro de Educación Especial de Vilagarcía: "Mesmo rapaces que teñen problemas auditivos... notan o que é a vibración do son. De feito temos algúns alumnos con problemas de audición e veredes que van participar e pasalo divinamente, como os demais. E cámbialles todo; é dicirlles que imos poñer música, nas aulas, e eles amosan outra motivación; ai, música, música...".
Foi un goce xeral da música e de baile. Algunha, como Bea, con experiencia individual, ou Raúl, gozando ao tope dos ritmos preferidos.
"Gústame. Gústame moito", di Raúl.
"Gústame, por que me gusta moito a percusión e a música", sinala Bea.
A experiencia para sentir os beneficios da música en directo na xestión de emocións suma unha edición máis neste centro e con ganas de repetir, mentres o certame prosegue ata unha ducia de colexios de educación especial.