Música urbana en galego na primeira edición do festival Ondas de Nigrán
Nace coa pretensión de impulsar este tipo de música aproveitando o turismo de praia América
A un paso de praia América soa a música urbana da primeira edición do festival Ondas de Nigrán. Sobre o escenario Tekilas, ou o que é o mesmo, Uriel Martínez, metade galego metade mexicano.
"Eu non agardaba isto. Sabía que era a carón da praia, pero desde o escenario ves todo, as Illas Cíes, é unha marabilla. Cambia moito a percepción de estar nun escenario dunha discoteca onde está todo pechado. Esto é un paraíso, é para disfrutalo", explica a TVG.
"Vivimos nun auténtico paraíso. Estamos aquí actuando fronte á praia. E coa música. É incrible", conta Manuel Rodríguez, coñecido na música urbana como Kid Mount, o neno do monte.
No escenario actúa Kid Mount, o neno do monte, que é de Xinzo e botou máis dunha hora de reguetón, coa maioría de letras en galego. Porque un dos obxectivos cos que nace este festival é darlle un espazo á música urbana galega no seu idioma.
"Que todos teñamos o noso espazo e que a xente poida gozar da cultura que ofrecemos. Dá gusto todo o que alimente a nosa cultura, todo o que alimente a cultura galega e aposte por nós. Ogallá que o festival vaia para diante e que o festival Ondas teña unha vida moi longa", matiza o neno do monte.
"Claro que xa había música galega urbana, pero nunca lle deran luz, non tiña moita visibilidade. Pero agora todos os chavales estos cantan cancións en galego e iso é moi chulo", di o artista Tekilas.
"Nós o que desexamos é que perdure. A nosa intención é traer os artistas e así apoiar a musica urbana galega e ao tempo convocar xente doutros lugares e que esto dure bastantes anos", conclúe Jano Barreiro, o copromotor do festival Ondas de Nigrán.
Rap, hip-hop, reguetón, algo de pop e, sobre todo, música galega en galego.