Multiplícanse os ataques do lobo na serra do Xistral
Os comuneiros do Valadouro reclaman medidas para asegurar o futuro do gando cabalar
Os ataques do lobo aos poldros do Xistral volvéronse tan frecuentes que os seus donos mesmo temen polo futuro do gando cabalar na serra. Así o aseguran os comuneiros de Frexulfe e de Vilacampa, no concello mariñao do Valadouro.
"Ataques sufrimos bastantes, de poldros, e haberá oito días tamén mataron unha besta xa grande. Comeron moitos xa aquel día , e despois xa viñeron os voitres para acabar de comela", sinala Adrián Verdes, comuneiro de Frexulfe.
"Estámonos encontrando con ataques incluso polo medio do día e con lobos vistos comendo nos animais. Ano que pasa, ano que vai a peor", subliña o tamén comuneiro de Frexulfe Esteban Prieto.
"A xente acabará arriando con todo. A min pouco me importa que me dean un pouco de subvención, se me matan a femia, que é a que me fai falta a min para seguir criando. Así é que quedarán as bestas vellas, e acabouse", conclúe o seu compañeiro na comunidade de montes Manuel Pumares.
Ante a superpoboación de lobos no Xistral, os veciños das parroquias afectadas demandan que se tomen medidas de urxencia. Reclaman que se controlen as mandas e que se leven os individuos sobrantes para outros lugares onde sexa preciso este depredador vital para o equilibrio ecolóxico.
"Non sei o que teñen pensado facer co tema, pero eu vexo que vai moi desfasado. Que importa que che paguen se, sen as femias, non se sabe o que van chegar a producir?", pregunta Víctor Manuel Seijas, comuneiro de Vilacampa.
"Primeiro, que as administracións teñen medios de sobra para controlar a poboación en zonas concretas. E a partir de aí, igual que se fai en calquera tipo de cultivo, desmestar. Cando o millo está moi mesto, ou cando calquera tipo de poboación animal está moi mesta, desméstase. E entón, se queren, diminuír a poboación e trasladar exemplares a outras zonas onde a presenza non é significativa", explica o veterinario Xosé Luis Fernandez Rivera.
Integrada na Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Serra do Xistral está declarada como Zona de Especial Protección da Rede Natura 2000 e conta coa máxima protección nos ámbitos autonómico e europeo.