Publicador de contidos

Publicador de contidos

Múltiples sinistros na A-52 provocan retencións na vía

Múltiples sinistros na A-52 provocan retencións na vía

Nove vehículos implicados e dous mozos feridos

Mobilízanse axentes da Garda Civil de Tráfico, GES de Ribadavia e Protección Civil

A DGT demanda prudencia ao volante para evitar os sinistros viarios

Vehículos destrozados tras o sinistro
G24.gal 13/11/2025 14:31

A autovía A-52 rexistrou a primeira hora da mañá deste xoves múltiples accidentes de tráfico con nove vehículos implicados, deixando a dous mozos feridos. Os accidentes provocaron retencións na autovía das Rías Baixas en sentido Ourense, pouco antes do túnel de Alongos.

"Foron tres sinistros entre o quilómetro 2,37 desde a A-52, o primeiro consistiu nunha saída de vía, e o segundo consistiu nun accidente múltiple entre un camión, unha furgoneta e varios turismos", así o indica Lorena Cid, Sarxento da Garda Civil de Tráfico de Ourense.

O 112 Galicia informa de que o primeiro dos sinistros produciuse ás 7:20 horas, no quilómetro 236 da A-52, ao paso por Alongos, en Toén. Neste caso, víronse implicados catro turismos, unha furgoneta e un camión.

Un mozo precisou de asistencia médica, e testemuñas informan de que o mobilizaron por seguridade e o resto dos condutores atópanse con contusións pero non son graves. Os condutores implicados afirman que fixeron o posible por evitar os choques pero foi complicado.

Media hora máis tarde, un quilómetro máis adiante, tamén en sentido Ourense, o segundo accidente múltiple, dous turismos e unha furgoneta que os levou por diante, xerou novas chamadas ao 112 Galicia. Había unha persoa con dificultades para saír do vehículo, polo que foi necesaria a extracción da porta dun dos vehículos implicados para sacala tal e como o indica un dos bombeiros pertencente aos efectivos do GES de Ribadavia. Cando este mozo foi liberado, recibiu a atención dos profesionais sanitarios. 

Segundo informa o 061 a Europa Press, dous homes de 20 e 32 anos necesitaron asistencia sanitaria e foron trasladados en ambulancia. Para asistir os diferentes accidentes, foron alertados, entre outros, axentes da Gardia Civil de Tráfico, GES de Ribadavia e Protección Civil. 

Contra as dez e media da mañá, tras a retirada de todos os vehículos, normalizábase a circulación na zona.

Con todo, Lorena Cid, Sarxento da Garda Civil de Tráfico de Ourense asevera que a retención foi considerable, polo que  houbo que desviar o tráfico tanto para a G-53 como para a A-120; ademais remarca que dende a DXT se demanda prudencia ao volante para evitar os sinistros viarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade